Por Manuel Vilas | Santiago | 10/07/2015 | Actualizada ás 08:00
A Consellería de Sanidade acaba de adxudicarlle máis de 1,21 millóns de euros a Everis mediante o procedemento negociado sen publicidade. É dicir, sen publicar os pregos de condicións e sen abrir un prazo para que se presenten todas as empresas interesadas, senón invitando a Administración a determinadas compañías.
Segundo figura na documentación a que tivo acceso GC, a consultora cobrará 1,05 millóns máis IVE polo servizo de deseño, desenvolvemento e demostración dun centro virtual de desenvolvemento e demostración ,dun centro virtual de xestión e análise avanzado automatizado do entrenamento sanitario, dentro do subproxecto "GS5-IS-8: Central de simulación médica avanzada.
Everís está vinculada ao Partido Popular a través de Eduardo Serra Rexach, quen fora ministro de Defensa no primeiro goberno de José María Aznar. Serra Rexach é conselleiro de Everis, vicepresidente do grupo e presidente da Fundación Everis, da que depende outra institución, a Fundación Transforma España.
A Consellería de Sanidade, consultada por GC sobre os motivos de sacar un contrato de tan elevada cuantía mediante unha vía que impide a competencia entre todas as empresas do sector, explica que se invitou unicamente a Everis e a T Systems ITC Iberia porque foron estas dúas empresas foron as únicas que se presentaron a outro concurso idéntico, convocado o ano pasado, que a Xunta declarou deserto porque "a documentación presentada non era a debida".
Voceiros oficiais aseguran que "parece lóxico que an segunda convocatoria" só se invite aos candidatos do ano pasado e se lle diga "correxide xa a documentación".
T Systems ITC Iberia presentou unha oferta máis barata que Everis pero a compañía gañou o concurso grazas a súa maior puntuación na suma dos criterios de avaliación subxectiva.
Transforma España, dependente de Everis, é autora do chamado "decálogo de un programa electoral" ,que o ex-ministro anda a presentar estes días nos medios. Serra asegura que as dúas maiores demandas dos electorado para os programas son que se explique a política de pactos para despois das eleccións e que se poñan cifras económicas a canto vai custar cumplir as promesas, dúas liñas argumentais que tamén defende o PP.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.