Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2023 | Actualizada ás 14:21
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) rexistra un total de 16 persoas falecidas coa gripe na actual tempada, sete máis que a semana anterior. Iso si, considérase que só catro deles morreron directamente pola enfermidade. Así figura no último informe de vixilancia da gripe da Dirección Xeral de Saúde Pública referida a a semana 49 do ano, a que concluíu o domingo 10 de decembro. Todos os datos compáranse coa semana inmediatamente anterior, que terminou o domingo 3.
Desta forma, tamén aumentaron os ingresos ata un 70% máis, con 157 en total nunha semana. Así, a taxa de hospitalizacións entre o conxunto da poboación elevouse a 5,8 por cada 100.000 habitantes. A máis elevada atópase no grupo de maior idade: de 65 ou máis anos, cunha taxa de de 14,8 por cada 100.000. No que vai de tempada de gripe, o Sergas notifica 484 ingresos, todos eles con virus do tipo A. Xunto a estes, hai que sumar outros 26 pacientes que requiriron UCI.
SUBIDA DAS CONSULTAS
Ademais, as consultas por gripe en Atención Primaria creceron un 24% a semana pasada con respecto á anterior. De tal modo, a taxa de consultas por cada 100.000 habitantes creceu dez puntos, ata as 51. Iso si, o informe de Saúde Pública ten en conta que houbo unha ponte, polo que presume que, de non habelo, a taxa de consultas sería superior.
O aumento das consultas observouse en todas as provincias excepto en Lugo (61 por cada 100.000), aínda que obtivo a segunda taxa máis elevada despois de Ourense (123 por cada 100.000). En Pontevedra (31) e A Coruña (27) seguen sendo notablemente inferiores. Por grupos de idade, a taxa de consultas por gripe en Primaria aumentou en todos eles, situándose entre os 58 e os 68 por cada 100.000 habitantes, segundo o grupo. No de 65 anos ou máis, en cambio, a cifra está nos 16.
RUEDA RECOÑECE "UN MOMENTO COMPLICADO"
Sobre a incidencia da gripe e a sobrecarga asistencial que xera, principalmente nos servizos de Urxencias, segundo denuncian diversos colectivos de pacientes e sindicatos, foi preguntado este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a reunión semanal do seu goberno. O mandatario autonómico recoñeceu que é "un momento complicado con picos de gripe", pero garantiu que o Sergas ten un plan de continxencias para "ir escalando e aumentando servizos ou coberturas en función das situacións".
En todo caso, Rueda apelou ao "sentidiño" e á "comprensión" á hora de que a poboación acuda ás Urxencias hospitalarias. "Igual que eu comprendo a situación das persoas que acoden", dixo. O presidente da Xunta aproveitou para insistir na "necesidade de vacinarse" na campaña que o Sergas aínda mantén activa, sobre todo ante a previsión de que se intensifiquen as relacións sociais coa chegada do Nadal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.