Nace InnovaRede, a primeira plataforma para pór a capacidade científica e tecnolóxica a disposición das pemes

A ferramenta, que está en galego, castelán e inglés, inclúe 750 patentes, 3.700 publicacións e 3.500 proxectos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 14/12/2023 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

A Xunta lanzou a plataforma 'InnovaRede: Rede do ecosistema galego de innovación', o primeiro punto de acceso ás capacidades de I+D+i de Galicia co obxectivo de darlles visibilidade e fomentar a conexión entre os axentes do ecosistema galego de I+D+i. Así o presentou este xoves a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, que explicou que esta ferramenta nace para reforzar este ecosistema e continuar crecendo mediante a conexión das capacidades dos centros de coñecemento coas necesidades das empresas.

O obxectivo, segundo informou o Executivo autonómico, é impulsar a colaboración entre os diferentes axentes de demanda e oferta tecnolóxica dunha forma áxil, directa e aberta, para acelerar o proceso de desenvolvemento tecnolóxico, valorizar o coñecemento e que as pemes atopen os recursos e a capacidade que necesitan para innovar.

'InnovaRede' nace con información de 35 axentes de I+D+i de Galicia e aspira a continuar crecendo. A plataforma recolle un resumo de información priorizada de cada un deles sobre quen son, onde se atopan, como contactalos e a que se dedica. En total, a ferramenta inclúe 750 patentes, 3.700 publicacións e 3.500 proxectos, que representa o coñecemento de maior utilidade para as empresas.

O PORTAL

O portal conta cun buscador na páxina de inicio que permite indagar en toda a información recompilada e categorizada en tecnoloxías de fácil comprensión, cadeas de valor, palabras crave e código Unesco, para cada axente e liña de I+D+i. Tamén ten unha sección privada na cal, dándose de alta, permite formular unha demanda tecnolóxica para a que non atoparon resposta nas descricións actuais de 'InnovaRede', á que lle darán resposta mediante a consulta aos axentes ou desde a Administración. A web está en tres linguas (galego, castelán e inglés) para facilitar a súa visibilidade fóra de Galicia.

MAPAS DE APOIO AO I+D+i

Por outra banda, na xornada tamén avanzou os mapas de apoio ao I+D+i da Axencia Galega de Innovación e da Xunta para 2024 para dar facilitar á planificación dos potenciais beneficiarios. Así, remarcaron as convocatorias que abrirán no principio do ano, como os Bonos de Innovación, DeseñaPeme e InnovaPeme e aquelas que promoven a cooperación, como Misións e ConectaPeme.

A Xunta contará con 37 37 instrumentos de apoio, dirixidos a todos os tipos de axentes do ecosistema galego de innovación en todas as etapas do I+D+i, de 12 departamentos distintos. Estes 37 instrumentos contan cun orzamento de preto de 190 millóns de euros. Pola súa banda, o mapa de apoios de Gain inclúe 16 instrumentos dotados cun orzamento de preto de 138 millóns de euros.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presenta a plataforma InnovaRede
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, presenta a plataforma InnovaRede | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta