Por E.P. | MADRID | 20/12/2023 | Actualizada ás 17:47
O vindeiro venres a partir das 15.00 horas dará comezo o dispositivo especial que a Dirección Xeral de Tráfico pon en marcha para dar cobertura aos 19,7 millóns de desprazamentos por estrada previstos para toda España con motivo das festas do Nadal e que finalizará o domingo 7 de xaneiro de 2024. Para as vías do noroeste peninsular, incluídas as galegas, prevense máis de 2,7 millóns de movementos, o 14 por cento total do Estado.
Como é habitual, Tráfico estableceu diferentes fases que coinciden coas principais festividades do Nadal e que este ano, ademais, teñen lugar en fin de semana, segundo informou a DGT.
En concreto, a primeira fase, na que hai previstos uns 670.000 desprazamentos en Galicia, abarca do venres 22 ao luns 25 de decembro; a segunda fase, con case 680.000 na Comunidade galega, vai do venres 29 de decembro ao luns 1 de xaneiro; e a terceira fase, cuns 454.000 desprazamentos en Galicia, do venres 5 ao domingo 7 de xaneiro, momento no que se dará por concluído o dispositivo especial de Nadal.
Moitos dos desprazamentos, tanto de longo como de curto percorrido, especialmente durante os fins de semana e os días festivos, dirixiranse cara a segundas residencias, zonas de montaña para a práctica de deportes de inverno, zonas de atracción turística invernal e do Nadal, así como a áreas comerciais.
A DGT sinalou como vías máis afectas por intensidade de tráfico en Galicia na autoestrada AP-9 e nas autovías A-6, A-8, A-52 e A-55. Tamén se espera tráfico intenso na nacional N-550, entre moitas outras.
Para dar cobertura a todos estes desprazamentos, a DGT ten preparado un operativo especial que inclúe medidas de regulación, ordenación e vixilancia que garantan a mobilidade e a fluidez nas estradas e, ao mesmo tempo, velen pola súa seguridade viaria.
Para iso, a DGT conta coa "máxima dispoñibilidade" dos seus medios humanos (Axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, persoal funcionario dos Centros de Xestión de Tráfico, patrullas de Helicópteros e persoal encargado do mantemento de equipos e da instalación de medidas na estrada) que, entre outras funcións, encargaranse de facilitar a mobilidade e fluidez do tráfico, así como velar pola Seguridade Viaria nas estradas; ou manter nas debidas condicións de Seguridade Viaria a circulación para toda clase de vehículos nas estradas con tramos ou zonas afectadas por condicións meteorolóxicas adversas como son a neve, xeo, néboa, choiva e vento.
Este dispositivo tamén axudará aos usuarios ante calquera incidente ou imprevisto que poida xurdir na viaxe e vixiar o correcto comportamento dos usuarios na estrada cos medios humanos e técnicos dos que dispón o organismo: 780 radares fixos (92 deles de tramo) e 545 móbiles de control de velocidade, ademais dos 13 helicópteros, 39 drones, 245 cámaras e 15 furgonetas camufladas para controlar o uso de móbil e do cinto de seguridade.
A DGT informará puntualmente sobre calquera incidencia na estrada a través dos boletíns informativos de tráfico nas distintas emisoras de radio e televisión, na súa páxina web, as súas redes sociais e no teléfono 011. Así mesmo, Tráfico intensificará os controis de velocidade e alcoholemia como instrumento para a prevención de sinistros viarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.