Por Manuel Vilas | Santiago | 22/07/2015 | Actualizada ás 08:00
Dende que o PP volveu ao Goberno Galego en 2009, a Xunta adxudicou 1.338.954 euros (IVE incluído) a Everis mediante concursos non abertos.
Everis está vinculada ao Partido Popular a través de Eduardo Serra Rexach, quen fora ministro de Defensa no primeiro goberno de José María Aznar. Serra Rexach é conselleiro de Everis, vicepresidente do grupo e presidente da Fundación Everis, da que depende outra institución, a Fundación Transforma España.
Os 16 concursos non abertos tramitáronse mediante fórmulas legais que facultan a administración non publicar as bases e/ou invitar a presentar ofertas só as empresas escollidas pola propia administración. Trátase de procedementos de adxudicación negociados con publicidade, negociados sen publicidade, restrinxidos e diálogo competitivo.
Desas 16 adxudicacións, 14 pertencen a un mesmo departamento, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Trátase do organismo encargado das novas tecnoloxías na Xunta. Everis é unha das principais empresas do Estado neste sector. De feito, suma ducias de adxudicaciońs da Xunta tamén mediante procedementos abertos e de outras administracións.
Everis fai para a Xunta todo tipo de traballos. Dende a creación de ferramentas tecnolóxicas avanzadas como a recente un centro virtual de xestión e análise avanzado automatizado do entrenamento sanitario para o SERGAS (por valor de 1,2 millóns -importe non incluído na suma dos 16 contratos porque a adxudicación non é definitiva) até o asesormanto a Consellería de Traballo para asumir as competencias da Inspección laboral.
GC pediu unha valoración á Xunta, a través da Secretaría Xeral de Comunicaicón, sobre tal volume de adxudicacións sen concurso aberto a Everis; pero o Goberno non quixo responder até o de agora.
Esta vaga de contratos a Everis produciuse mentres aumenta o debate sobre a "porta xiratoria". É dicir, sobre os altos cartos da administración que, tras xestionar as finanzas públicas, acaban nos consellos de administracións de empresas que ou dependen moito das decisions do regulador público ou, como é o caso de Everis, facturan sobre todo á administración.
O caso de Serra Rexach non é unha excepción. Isabel Tocino (Banco Santanter), Rodrigo Rato (Telefónica) ou Ángel Acebes (Rede Eléctrica de España) son outros dos ex-ministros de Aznar que participan ou participaron en grandes compañías cuxo futuro depende en boa medida das regulacións do lexislador. Unha lista parcial, e desactualizada, deses altos cargos pode consultarse aquí.
Con todo, Rexach diferénciase doutros ex-ministros en que segue mantendo unha activide pública relacionada inderectamente coa política. Transforma España, Fundación dependente de Everis, é autora do chamado "decálogo de un programa electoral" , que o ex-mandatario público anda a presentar estes días nos medios. Serra asegura que as dúas maiores demandas dos electorado para os programas son que se explique a política de pactos para despois das eleccións e que se poñan cifras económicas a canto vai custar cumplir as promesas, dúas liñas argumentais que tamén defende o PP.
En 2014, tanto PP como PSOE impediron que a Ley del Ejercicio del Alto Cargo de la Administración del Estado creara novas barreiras para limitar o impacto da "porta xiratoria".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.