Por Galicia Confidencial | Lugo | 29/07/2015 | Actualizada ás 13:15
O oso pardo, que comezaba a asentarse en Galicia tras ducias de anos, pode volver a desaparecer tras as graves consecuencias dos incendios que estes días están afectando aos Ancares e O Courel onde xa arderon máis de 700 hectáreas nos espazos da Rede Natura 2000.
Estas ricas áreas ecolóxicas, separadas por algo menos de 50km, son territorios fundamentais paro a recuperación do oso pardo, en perigo de extinción. Nos últimos anos Ancares-Courel rexistra unha continuada presenza do plantígrado, “o que amosa a querenza desta especie por eses vales tranquilos e propicios para o seu asentamento”, segundo apunta Adega.
“A vista destes lumes recorrentes nestes concretos enclaves de tanta importancia para o oso, supoñemos que algo está a fallar nas medidas de protección e recuperación desta especie, e non queremos pensar que poderían respostar a un intento por evitar o asentamento do oso na zona”, indica nun comunicado.
Esta asociación ecoloxista critica á Xunta por ter conxelado o Plano de recuperación do oso pardo cantábrico (Ursus arctos arctos) dende 2013, un documento fundamental para o futuro da especie e que xa ficou obsoleto á vista dos últimos datos sobre a presenza do plantígrado en Galicia.
No territorio dos Ancares, o lume de Navia de Suarna afectou a territorios clasificados, dentro do Plan de Recuperación do Oso (pendente de aprobación) coma “área de presenza”, e unha parte da “área de protección prioritaria” no Canón do río Rao.
No caso do Courel o lume ten afectado aos montes comprendidos entre o Val de Louzará e a Serra da Trapa, nunha área para a que Adega ten solicitado a súa inclusión no Plano do Oso coma “área de presenza”, que nin tan sequera figura catalogada coma “área potencial”, malia a que nos dous últimos anos teñen acontecido varias incursións de osos nesta zona.
A presenza do oso
O fenómeno de expansión do oso dende territorios de Ibias, síntoma dunha recuperación que vén experimentando a poboación oseira occidental da Cordilleira Cantábrica, xa comeza a ter tenues efectos cunha lenta recolonización en territorios históricos de Galicia. Nos últimos anos xa se conta con indicios importantes de tránsito e incursións cada vez máis prolongadas de varios exemplares nestas serras galegas.
“Estamos pois nun momento crucial de enorme importancia tanto para a biodiversidade galega coma para a propia especie, xa que foi confirmada a presenza dalgunha femia con crías, algo inimaxinable fai uns anos, en vales recónditos dos Ancares e do Courel”, suliña Adega.
Así, sinala que a información sobre a especie apunta a que a presenza pasou de ser esporádica a observarse rastros e contactos visuais todos os anos, e excepcionalmente, e de modo intermitente nos catro últimos, a observarse osas con crías da que algunha tería xa nacido nestes montes galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.