Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/01/2024 | Actualizada ás 21:00
Inma García é unha das moitas galegas e galegos que non dubidaron en ofrecer as súas casas a través dos grupos de voluntarios creados en WhatsApp e en Telegram para vir de fóra da comunidade a recoller pélets. Vive, dende hai un ano, coa súa parella e a súa filla, unha nena de oito anos, nunha casiña entre as praias de Vilagarcía de Arousa e Vilaxoán, na comarca do Salnés, moi próxima á do Barbanza, unha das de maior afectación por esta crise medioambiental. Durante a pasada fin de semana estiveron indo xa como voluntarios a algunhas recollidas organizadas e saben que ante esta problemática todas as mans son poucas, polo que agradecen moito a dedicación e a dispoñibilidade de tempo e cartos das persoas que chegan de Madrid, Cataluña, Valencia, León e tantos outros puntos de España.
"Ver os pélets nas nosas praias afectounos moito, porque aínda que non é algo tan chamativo como cando aconteceu o 'Prestige', que eu o vivín con 18 anos, paréceme unha catástrofe bastante similar", considera Inma, quen tamén quedou moi impacta por "ver que o traballo que se está facendo nas praias é coma se o estivésemos facendo no século XVIII, a man, todo o mundo collendo os pélets un por un". "Pareceume algo devastador", lamenta. Foi por iso que se deu conta de que ante boliñas de dimensións tan pequenas e praias tan grandes a loita vai estar moi difícil. E, como ela xa está acostumada a compartir casa, propúxolle a opción á súa parella e esta aceptou sen pensalo.
"A miña parella é de Cataluña e eu vivín moito tempo fóra de Galicia, en Guadalaxara, Madrid e tamén noutras cidades como Londres e así", conta Inma, que explica que por iso "estou bastante habituada a compartir casa e vivenda con outra xente". Dende logo non calquera está disposto a facelo, tamén pola desconfianza que impera na nosa sociedade actual sobre as persoas descoñecidas. Pero, para Inma está claro que "cando alguén se molesta en facer 600 quilómetros para vir limpar algo que é de todos, que non soamente é unha cousa que nos afecte ás persoas que vivimos ao lago, xente que ten como esa mirada de vir de moi lonxe a limpar, o criterio é que non pode ser nunca unha mala persoa". Por iso, asegura que "a nosa casa está aberta".
A galega explica a Galicia Confidencial que a súa parella estivo disposta dende o primeiro minuto. "Díxenlle que polos grupos de voluntarios había un grupo de xente de Madrid que estaban falando de vir, e que que lle parecía ofrecerlle a habitación da nosa nena, que ten unha cama nido (tipo de cama que conta con outra pregada debaixo, polo que se transforma en dúas) con espazo para dúas persoas", recorda Inma, que explica que "a habitación é ampla, pero non temos colchóns extra". Este non ía ser un problema xa que "un grupiño de catro rapazas que estaba falando de vir dixo que poderían traer elas os colchóns da furgoneta". Finalmente non puideron vir porque "a súa furgoneta non está aillada e fai moito frío", pero "por nós non había problema".
Tamén nos conta que "despois púxose en contacto con nós outro home a comezos de semana, pero entre semana para nós non era posible deixar a habitación, por cousas de loxística da escola e os horarios da nena, que non nos ían moi ben". Con todo, agarda que se non é esta fin de semana sexa para a próxima, pero que "veña quen queira". Ademais, tamén asegura que "volveremos ir limpar". Inma só quere axudar, porque "aínda por enriba de que esta xente vén e se pega unha paliza de quilómetros, que non teña que pagar por quedarse nun sitio". Asegura que abrir as portas da súa casa non é "nada raro" para ela, pois "a min paréceme como do máis normal, como di a frase esta de que 'o pobo salva ao pobo', e para nós sería outra forma de poder axudar dende a outra parte, e estariamos encantados".
Inma é profesora e conta que sempre lle gustou axudar aos demais. Hoxe por hoxe, de feito, ten unha compañeira que padece varias enfermidades raras e que se atopa ingresada nun centro privado de Barcelona, moi lonxe da súa casa, dende o pasado 13 de novembro, xa que a Seguridade Social non lle brinda axuda, pois as súas citas alónganse moito no tempo. Por iso, para tratar de costear os elevados gastos desta clínica, organizou un sorteo de libros que se suma a unha campaña de recadación de fondos xa activa en Go Fund.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.