Por Galicia Confidencial | Allariz | 16/01/2024 | Actualizada ás 09:00
A área de promoción económica do Concello de Allariz abre o prazo de inscrición para artistas que desexen participar no programa cultural da Semana Santa ao Vivo 2024.
Allariz recibe miles de turistas durante as vacacións de Semana Santa polo que, dende hai anos, o Concello organiza unha proposta cultural, que conxuga arte, tradición e cultura. Entre o 28 e o 31 de marzo, as rúas do casco histórico de Allariz acollen a artistas de diferentes estilos musicais, para amenizar o paseo de veciñ@s e visitantes.
Este proxecto cultural abrangue música, nos seus variados estilos, ademais doutras disciplinas artísticas susceptibles de realizarse na rúa, como danza, espectáculos de maxia ou teatro, entre outras.
O prazo de inscrición para artistas estará aberto dende o luns 15 de xaneiro ata o día 16 de febreiro ás 14:00h. e para participar é preciso coñecer as bases de participación e enviar un formulario debidamente cumprimentado que poderán descargarse na páxina web do Concello de Allariz, no apartado habilitado para esta acción cultutal.
A selección será comunicada ás persoas inscritas a través de correo electrónico o día 23 de febreiro de 2024.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.