Cada vez máis mozos se suman á moda dos reloxos de pulseira mecánicos e deixan a un lado os 'smartwatch'

Luís Míguez, reputado reloxeiro dono dun obradoiro especializado en reparación e restauración de reloxos suízos de alta calidade afirma que "hai burradas de persoas interesadas nos reloxos mecánicos, tantas que Suíza non dá fabricado todo o que se demanda en reloxos Rolex".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/01/2024 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

Os reloxos son un complemento que non pasa de moda. Aínda que no mundo tecnolóxico por excelencia no que nos atopamos semella que os últimos modelos de 'smartwatch' son os reis do mercado, e que cantas máis funcións teñan mellor (lectura de WhatsApps, recepción de chamadas, medición do pulso, control remoto de dispositivos, análise da actividade física...), o certo é que o reloxo mecánico tradicional segue a ser o máis custoso, creado artesanalmente e cunha exclusividade que non aportan os 'smartwatch'. Cada vez máis mozos son conscientes da súa valía e, nos últimos anos, semella que houbo un auxe entre a poboación máis xoven, que mesmo combina o uso dos 'smartwatch' co dos reloxos tradicionais. Dende Galicia Confidencial, vendo que este Nadal as tendas de reloxos se desvalixaron, falamos co reputado reloxeiro Luís Míguez, dono dun obradoiro especializado en reparación e restauración de reloxos suízos de alta calidadeque nos desvela os segredos destas máquinas.

Reloxos de alta gama
Reloxos de alta gama | Fonte: Arquivo

El mesmo se dá conta de que cada vez o mercado dos reloxos de pulseira mecánicos ten máis adeptos entre os mozos e considera que se debe a que "as modas son cíclicas". "As cousas tenden a desaparecer e volven rexurdir igual que está agora rexurdindo a fotografía analóxica, por exemplo, porque a xente volve reatoparse un pouquiño co pasado", valora, engadindo que "os mozos están descubrindo agora nos reloxos tradicionais cousas que non coñecían, entón si que se están sumando a mercalos". Entre mozos de vinte e trinta anos é habitual hoxe en día ver reunións de sábado nun restaurante ou nunha discoteca nas que brillan os reloxos nas súas bonecas. Ao igual que xa non é raro que cando pensan nun agasallo se decidan por reloxos mecánicos. Quizáis teña moito que ver tamén o feito de que os 'influencers' e cantantes aos que siguen, así como actores e personalidades do mundo do deporte, levan e mesmo anuncian estes reloxos.

Reloxos que, cabe destacar, non son para nada baratos. Se o 'smartwatch' máis caro do mercado, como pode ser o 'Apple Watch' ou o 'Samsung Watch', custa ao redor de 500 ou 600 euros (dependendo da súa capacidade e funcións), os reloxos bos de pulseira poden superar amplamente e con facilidade os mil. Como explica Míguez, "un reloxo de pulseira ten un proceso de fabricación moi complexo, se falamos dun reloxo mecánico o proceso de fabricación é terriblemente complexo". Para que podamos entendelo, simplifícanolo moito: "A grandes rasgos, parte dun anaco de latón onde se van fresando as pletinas, as pontes, onde van ir montadas as rodas, vanse fresar os dentes das rodas, os piñóns que se fan en aceiro e se van ensamblando peza a peza... É moi moi complexo". "Estamos falando de que en décimas de milímetro hai tolerancias enormes", asegura, e apunta que "a precisión dun torno ou dunha máquina para fabricar un Rolex é de 0,01", polo que "estamos falando de pezas de reloxo, algunhas delas, que teñen tamaños inferiores ao diámetro dun cabelo humano, como pode ser un eixe". 

"Un reloxo de pulseira mecánico ten un proceso de fabricación terriblemente complexo. En décimas de milímetro hai tolerancias enormes; a precisión dun torno ou dunha máquina para fabricar un Rolex é de 0,01; estamos falando de pezas que teñen tamaños inferiores ao diámetro dun cabelo humano"

Traballando con pezas tan pequeniñas nas que a precisión é fundamental, o tempo de fabricación tamén é moi dilatado. "Pensa que un reloxo fabricado integramente a man pode custar uns 200.000 ou 300.000 euros, e de aí para arriba", indica este reloxeiro, que tamén apunta que "estes procesos manuais de fabricación os reproducen máquinas que conseguen abaratar custes". Con todo, resalta que "un reloxo mecánico suízo bo, a día de hoxe, non o tes por prezos inferiores aos 2.000 euros, e falamos dos máis económicos". Agora pódese entender mellor por que custan o que custan, porque "fabricar un Rolex, por exemplo, é moi complexo, moi laborioso, e ten detrás moitas e moitas horas de traballo".

Reloxos de alta gama
Reloxos de alta gama | Fonte: Arquivo

"Un reloxo fabricado integramente a man pode custar uns 200.000 ou 300.000 euros, e de aí para arriba; estes procesos manuais de fabricación os reproducen máquinas que conseguen abaratar custes; un reloxo mecánico suízo bo, a día de hoxe, non o tes por prezos inferiores aos 2.000 euros"

E, aínda que se crea que non, hai moita xente que sabe apreciar a súa valía e que sabe moi ben que é o que quere mercar e as súas características cando chega á tenda: "A xente que se gasta 1.000 ou 2.000 euros nun reloxo documéntase, ve vídeos, busca información boa por Internet". "Cando mercan un reloxo destas características xa saben o que queren, incluso moitas veces hai afeccionados que saben moito máis dos reloxos case que nós mesmos, no sentido técnico, e que che din que dese reloxo fixeron unha reedición da que ti non tiñas nin idea, sábenas todas", conta Míguez.

"OS RELOXOS ACTUAIS SEGUEN INSPIRÁNDOSE NO QUE XA EXISTÍA: MENOS É MÁIS"

O mellor dos reloxos de pulseira é que nunca parecen antigos, pois as modas son cíclicas e volven, non é algo que teña moita evolución, como nos explica este reloxeiro. "Facer un reloxo, á fin e ao cabo, é unha indicación analóxica dun tempo, e tes que representalo con esferas, con coloríns ou sen coloríns, máis ornamentadas ou menos, pero ao longo da historia levamos centos de anos facendo reloxos e, ao final, todo é un bucle", apunta. E exemplifica que a cousa é semellante a facer un coche, "pode ser máis futurista ou menos futurista, pero despois, de súpeto, fanche unha reedición dun coche retro e velo como o máis bonito do mundo, porque todos os demáis son futuristas e ese é diferente". "Ao final, sorprende o diferente, e dende os reloxos hai gustos para todo: hai a quen lle gusta máis grande, máis ostentoso, con florituras, e hai reloxos que se están facendo hoxe que che din que son a última moda e a min recórdanme aos dos anos 60 ou 70", comparte.

Míguez asegura que "o que mellorou moito foron os procesos de fabricación, porque hoxe as máquinas fan cortes moito máis limpos, e as terminacións son exquisitas, pero os reloxos seguen estando inspirados no que xa existía no mercado", é dicir, "non se fan cousas moi diferentes", porque, ao final, "se fas algo moi moi diferente, resulta que non vai ser cómodo e vai ser un reloxo que non che vai gustar". E é que o reloxeiro está convencido de que "o que enamora dun reloxo é a comodidade, a simplicidade e, neste senso, ás veces menos é máis, e cos reloxos pasa moitísimo iso".

"SUÍZA TEN UNHA FÁBRICA DE RELOXOS TAN GRANDE COMA ORDES E NON DÁ FABRICADO TODO O QUE LLE DEMANDAN"

Con todo, aínda que se leven fabricando reloxos dende fai centos de anos, hai que ter en conta que houbo un momento no que o sector veu perigar o negocio: coa irrupción dos reloxos dixitais (xa non falemos de 'smartwatch', senón dos típicos Casio) aló polos anos 75/80 do século pasado. Recorda que por aquel entón "eu tiña sobre 16 ou 17 anos e os meus amigos ríanse de min, porque un era carpinteiro, outro albañil e dicían que só o máis tonto se facía reloxeiro, porque non vían futuro na profesión; pero eu era tan mozo nesa época que en realidade nin mo plantexaba, dexábame levar pola inercia, xa me metera niso e non me quedaba outra que tirar para adiante". E foi unha sorte, pois ten máis traballo que nunca e o negocio, lonxe de decaer, está en auxe.

Este reloxeiro asegura que "mesmo hai xente que se sorprende a día de hoxe de que se reparen reloxos", porque "cren que non compensa". "Non compensará un reloxo de 30 euros, porque é máis cara a hora de traballo que o valor do reloxo, pero hai reloxos que valen 5.000, 6.000 ou 10.000 euros que si compensa arreglar", asegura Míguez. De feito, apunta que "hai burradas de persoas interesadas nos reloxos mecánicos, tantas que Suíza non dá fabricado todo o que se demanda en reloxos Rolex". "Á xente ás veces métesenos na cabeza que o mundo é o noso entorno, Santiago ou A Coruña, e non, o mundo é enorme, e Suíza ten unha fábrica de reloxos tan grande coma Ordes e non dá fabricado todo o que lle demandan, porque o mundo é moi grande, e hai millóns e millóns de persoas, que reclaman reloxos dende economías emerxentes como Asia", exemplifica, asegurando que, "mesmo no día en que Asia empece a entrar en vacas flacas, pode que chegue Latinoamérica demandando, é un ciclo e a Suíza nunca lle falta traballo, porque como só fan eles ese tipo de reloxos".

"OS 'SMARTWATCH' CONVIVEN PERFECTAMENTE COS RELOXOS MECÁNICOS, CADA UN É PARA UNHA COUSA"

E é que aínda que moitos seguen usando o 'smartwatch' no seu día a día, no momento en que se arreglan para un evento especial sacan da caixa o reloxo mecánico. Por iso, Míguez cre que "os 'smartwatch' conviven perfectamente cos reloxos mecánicos, cada un é para unha cousa". E pon o exemplo de que "cando vas pasear pola beira do río non vas en tenis, vas en botas de goma, porque os tenis móllanse e non son cómodos"; pois "cos 'smartwatch' e os reloxos tradicionais é igual", xa que "chega un momento no que estás ata as narices do 'smartwatch' e cando pensas en arreglarte un pouco plántaste un reloxo mecánico". Explica que sobre todo isto é algo que seguen facendo máis os homes que as mulleres, porque "as mulleres son menos propensas a mercar reloxos, e as que os teñen é máis porque o recibiron como agasallo", porque "elas xa teñen moita máis variedade de xoiais", mentres que aínda que cada vez as pulseiras e os aneis se están poñendo máis de moda entre os homes, "o reloxo segue a ser o complemento masculino por excelencia".

Tanto é así que o mercado de segunda man en reloxos de home está en auxe, mentres que o de reloxos de muller é case inexistente. Neste mercado, "hai pezas, como os reloxos mecánicos suízos que, ben conservados, poden venderse a día de hoxe moito máis caros do que custaron no seu día". Míguez pon o exemplo de que "se gastaches no seu día, ponlle, 200.000 pesetas nun reloxo (1.200 euros), hoxe vanche dar por el tres veces máis cantidade se está ben conservado". Ademais, apunta que "tamén hai certas pezas que, por cousas do destino que ninguén pode controlar, que xa é por 'frikismo' puro, revalorízanse, e se custaron no seu día 150.000 pesetas (900 euros), aló polos anos 80, hoxe poden valer 100.000 euros, pero ese xa é outro mundo que non se pode controlar".

"O reloxo segue a ser o complemento masculino por excelencia; o mercado de segunda man en reloxos de home está en auxe; hai pezas, como os reloxos mecánicos suízos que, ben conservados, poden venderse a día de hoxe moito máis caros do que custaron no seu día: de 200.000 pesetas a 3.600 euros"

"EU Á HORA DE RECOMENDAR DEIXO O BONITO DO RELOXO NUN SEXTO PLANO E BASÉOME NA SÚA CALIDADE E FACILIDADE E CUSTE DE REPARACIÓN"

Entón, cal é o reloxo de pulseira tradicional perfecto que recomendaría mercar este experto? Míguez asegura que "eu no tema dos reloxos sempre intento ir por rangos de prezos, non é o mesmo que o teu orzamento sexa ilimitado a que me digas que es mileurista e que che gustan os reloxos e queres ir aforrando pouquiño a pouco para un". Neste caso, afirma que "eu cando lle recomendo á xente sempre o fago pensando na postventa, non só no bonito do reloxo, que o deixo nun quinto ou sexto plano, senón principalmente na súa calidade e na facilidade que logo vai ter para ser reparado e o custe que pode supoñer reparalo". E é que recorda que "nos anos 2000 chegaron modas de roupa que se puxeron a facer reloxos e eu creo que a día de hoxe non hai nin un funcionando, porque ninguén lle da soporte, e rematan no lixo".

Pola contra, "se mercaches un Certina, un Tissot ou un Hamilton, por poñer algúns exemplos, tes aí un reloxo bo, con calidade moi moi boa" e un prezo asequible. E é que "moitas veces as máquinas que se empregan nos reloxos sinxelos teñen a mesma base que a de outros máis caros, a calidade é a mesma, pode diferir o acabado, pero que o acabado sexa máis ou menos bonito na parte da técnica dáche igual, porque ti non o vas ver, salvo que sexa o fondo transparente e xa poidas apreciar os engranaxes". Míguez apunta así aos reloxos que proceden de "Swatch Group, como norma xeral, que é o fabricante de reloxos por excelencia e fabrica os da súa propia firma pero tamén é o fabricante de Tissot, Certina, Hamilton, Nido, Omega, Longines, Rado... É un conglomerado enorme, que usa as mesmas bases mecánicas moitísimas veces, polo que por relativamente poucos cartos podes ter un reloxo de moita calidade e con facilidades para perdurar no tempo".

Pola súa experiencia, o reloxeiro conta que "eu a día de hoxe estou pedindo pezas para un Omega que ten aproximadamente 70 anos, e iso é impensable que o poidas facer con calquera outra marca". "Con Longines, ao mellor non che dura 70 anos, pero si 20 ou 25; en Hamilton entre 15 ou 20 anos...", exemplifica, mentres que apunta a que "se o pides noutras marcas igual o conservas 10 ou 15 anos sendo moi optimista, porque a partir dos 10 anos xa se che foron as posibilidades de reparar certas pezas".

"Swatch Group é o fabricante de reloxos por excelencia e fabrica os da súa propia firma, peor tamén é fabricante de Tissot, Certina, Hamilton, Nido, Omega, Longines, Rado... É un conglomerado enorme, que usa as mesmas bases mecánicas moitísimas veces, polo que por relativamente poucos cartos podes ter un reloxo de moita calidade e con facilidades para perdurar no tempo; a día de hoxe estou pedindo pezas para un Omega que ten aproximadamente 70 anos, e iso é impensable que o poidas facer con calquera outra marca"

Reloxos de alta gama
Reloxos de alta gama | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta