Mayra García: “O equipo de goberno ten unha media de idade de 31 anos”

É a alcaldesa máis nova de Galicia. Con 26 anos foi quen de facerse cun bastión do PP na provincia de Lugo, o concello de Trabada. Agora os seus obxectivos son a transparencia, a eficacia e a participacion veciñal.

Por Xurxo Salgado | Trabada | 04/08/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Cando José Manuel Yanes chegou á alcaldía de Trabada, Mayra García Bermúdez tiña dous anos. Desde entón non coñecía outro rexedor. Tivo que ser ela, 24 anos despois, a que o quite do sillón consistorial para converterse, de paso, na alcaldesa máis nova do país.

Mayra García Bermúdez, alcaldesa de Trabada, con integrantes da súa lista e o líder do PSdeG, José Ramón Besteiro
Mayra García Bermúdez, alcaldesa de Trabada, con integrantes da súa lista e o líder do PSdeG, José Ramón Besteiro

Unha alcaldesa nova e un equipo de goberno novo tamén, cunha media de idade de 31 anos nun concello envellecido de 1.200 habitantes. Os seus principais retos serán económicas e, sobre todo, sanear as contas do concello porque, como di, “quedaron máis de 112.000€ en facturas pendentes de pago”. 

A súa primeira medida foi a ampliación do horario laboral do concello, cumprindo as trinta e sete horas e media semanais (anteriormente trinta) e modificamos as bases dos procesos de selección, establecendo concurso-oposición en todos os procesos de selección, “e en ningún caso entrevista persoal, pois desta forma o proceso é máis obxectivo”.

Moza e muller. Como é posible que con 26 anos foras quen de rematar con 24 anos de poder do PP en Trabada?

Síntome moi orgullosa e satisfeita pola confianza que depositaron en min e no meu equipo os veciños, que cos seus votos decidiron nas urnas unha vontade de cambio histórica.

Mayra García Bermúdez, alcaldesa de Trabada
Mayra García Bermúdez, alcaldesa de Trabada

Foi posible gracias ó traballo continuado e cercano durante os catro anos que estiven na oposición. Nas anteriores eleccións municipais era a segunda da candidatura.

Como exemplo, fai un ano decidín ir casa por casa con un boletín informativo sobre as nosas propostas e as inversión que se fixeron dende o goberno socialista da Deputación de Lugo. Tamén levaba unha libreta na que anotaba as necesidades que me trasladaban os veciños e así formamos o noso programa, un programa participativo, coa finalidade de resolver os problemas dos veciños e tendo en conta o presuposto económico do noso Concello.

Iniciamos este proxecto con moita ilusión e con moitas ganas de traballar por e para todos os veciños, sen discriminar a ninguén, porque a nosa forma de facer política é a de propoñer.

Formamos unha candidatura na que se combina xuventude, experiencia e ampla formación académica. E o máis importante, cremos nas posibilidades do noso Concello e que en Trabada hai futuro.

O xa ex alcalde, José Manuel Yanes, dixo que fixeches unha campaña agresiva e "con moitos medios"?

Para nada foi unha campaña agresiva. Foi unha campaña limpa, foi a campaña de propoñer e a de facer partícipes ós veciños, sen discriminar a ninguén.

E coa nosa campaña, e coa experiencia e o traballo que nos avalaba, os veciños  déronse conta de que nós lles estábamos ofrecendo o que demandaban.

Neste caso, “moitos medios” significa “ traballo”. E ese novo aire como se vai traducir no día a día do concello?

Pois na forma de gobernar e de xestionar os nosos recursos. Os tres piares fundamentais deste goberno son a transparencia, a eficacia e a participación veciñal. Eu creo que un bo goberno municipal é o que consegue ser solución ós problemas dos veciños. E para iso, o fundamental é escoitar ós veciños e ser accesible.

Cales foron as túas primeiras medidas?

Neste primeiro mes, con uns presupostos aprobados polo grupo popular e  unha vez analizados e tendo en conta que quedaron máis de 112.000€ en facturas pendentes de pago a data 13 de xuño, día da toma de posesión. Estiven revisando como están formulados os convenios, nalgúns casos inexistentes, o custe dos servizos para valorar se o custe é acorde á prestación dos mesmos, e que actuacións nos van a permitir un aforro. 

A primeira medida foi a ampliación do horario laboral, cumprindo as trinta e sete horas e media semanais (anteriormente trinta).

Modificamos as bases dos procesos de selección, establecendo concurso-oposición en todos os procesos de selección, e en ningún caso entrevista persoal, pois desta forma o proceso é máis obxectivo. Igualmente en todos os procesos houbo membros do Tribunal de outras administracións.

Revogamos as axudas nominativas para as festas nesta anualidade, pois non había ningunha pagada este ano e desta forma anticipándonos a medidas de aforro que teñamos que tomar para aprobar no próximo mes o plan económico financieiro para este ano e o próximo, intentamos evitar tomar outras que afecten directamente ó bulso dos veciños. 

E o teu obxectivo durante estes catro anos?

En primeiro lugar, sanear as contas do Concello. Levamos tres anos consecutivos incumplindo estabilidade  orzamentaria. De aí, a obriga de aprobar agora o plan económico financiero.

Garantir os servizos públicos de calidade no rural, sacar adiante o PXOM, poñer en marcha a residencia de maiores, o polígono industrial, para iso tamén é necesaria a aprobación do plan especial de chan industrial, pois para fixar poboación, os servizos e o emprego, son a clave. Isto permitiranos tamén, dinamizar o Concello, ofrecendo actividades para os mozos e os maiores, potenciando o Camiño Norte ó paso polo noso Concello (puxen a disposición da Xunta inmobles nos que se poida ubicar un albergue de peregrinos, xa que a variante que pasa por Trabada corresponde á Ruta Antigua do Camiño Norte), promocionando as rutas de sendeirismo, promovendo festas gastronómicas en conxunto co sector hostaleiro e o turismo rural.

Nesta liña sumaremos esforzos porque para iso vai a ser esencial a cooperación e colaboración entre todas as Administracións Públicas.

E como non, apoiar e defender os sectores estratéxicos do noso Concello que tan mal o están pasando, tanto o sector lácteo, coma o da carne ou a produción hortícola.

Contigo tes outro edil de 25 anos, cres que iso de mocidade e política non rifan, non?

Non, ó contrario, na xuventude está o futuro. O noso equipo de goberno ten unha media de idade de 31 anos. Estamos todos moi involucrados, traballando moito para conseguir saír da parálise na que estábamos inmersos. Por primeira vez hai delegación de áreas, porque cremos no traballo en equipo. A clave está en ter capacidade de liderato, en exprimir ó máximo as virtudes de cada un e en sumar e facernos a todos partícipes.

Entón porque pensas que hai tanta desafección entre os mozos pola política?

Porque os políticos temos que darlles resposta. Cando as expectativas xeradas non se cumpren, hai desafección. Nisto é fundamental garantir o acceso á educación pública e de calidade e unha vez rematada e entrados no mundo laboral, que teñan a posibilidade de acadar un traballo acorde á súa preparación. 

Moitos din que PSOE e PP representan o vello e apostan por listas populares. Que opinas disto?

Eu creo no meu partido, porque somos un partido histórico. Porque os grandes desafíos da nosa historia fixéronse realidade da man de gobernos socialistas. Pero á vez tamén somos un partido renovado, que sabemos deixar paso. Con José Ramón Gómez Besteiro en Galicia e Pedro Sánchez en Madrid. Estou convencida de que o cambio, unha vez máis, vai ser da man de gobernos socialistas.

Falando de Lugo, que pensas de que a deputación acabara en mans do PP?

Penso que os lucenses cos seus votos, decidiron que se continuara cun goberno progresista dentro da institución. Que se continuara coa gran labor que fixo José Ramón Gómez Besteiro, facendo de unha administración hostil, unha administración transparente, cunha xestión económica inmellorable, chegando a deixar a Administración Provincial cunha débeda cero e priorizando en mellorar a calidade de vida dos lucenses, sobre todo no rural, creando a rede de residencias en concellos pequenos como Trabada, coa creación do primeiro centro público de recría de España, e gobernando sen distincións por cores políticas, pensando única e exclusivamente en satisfacer as necesidades e no benestar dos lucenses.

En todo caso, dende o PSOE, o que intentamos foi continuar con esta forma de gobernar, por responsabilidade, porque ésa foi a decisión dos luceneses.

E como se vai solucionar?

A solución pasa por cumprir coa decisión da maioría dos lucenses que cos seus votos determinaron que o goberno da institución provincial fose un goberno progresista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 lagarteiro

Home claro, con Besteiro a corrupción, como no PP, vento en popa!