A xunta electoral insta á CRTVG a ampliar o tempo adicado á campaña nos seus informativos

Considera, por mor dun recurso do BNG, que non está xustificado que o tempo que dedica á información electoral se reduza respecto de 2020

Por Europa Press / Redacción | CORUÑA | 02/02/2024 | Actualizada ás 12:13

Comparte esta noticia

A xunta electoral galega considera inxustificado e contrario aos principios de pluralismo político que a CRTVG adique menos tempo nos seus servizos informativos á campaña das eleccións autonómicas do 18 de febreiro respecto da cita coas urnas de 2020. Por iso, por mor dunha denuncia presentada polo BNG que estima parcialmente, a xunta instou á dirección da CRTVG a ampliar o bloque fixado no plan de cobertura da campaña para, polo menos, asimiliar a súa duración á que tivo hai catro anos.

Para a xunta electoral galega, as explicacións ofrecidas polo ente público non xustifican que o tempo que se dedica nesta ocasión á información de campaña sexa inferior ao das eleccións de 2020, cando os informativos dos medios públicos galegos reservaron 370 segundos para o espazo das eleccións, ao que agora se asignan unicamente 260.

Ante a denuncia do BNG que reclamaba maior duración do espazo de campaña e a celebración de debates provinciais que si houbo en 2020, a CRTVG alegou que a redución de tempo débese a que nesta ocasión só se consideran como forzas políticas significativas a cinco (PP, BNG, PSdeG, Sumar e Podemos), cando hai catro anos tiñan esta condición sete candidaturas (PP, Marea Galeguista, PSdeG, BNG, Galicia en Común, Vox e Ciudadanos).

Ademais, puxo como xustificación que a propia duración dos espazos informativos, tanto na televisión como na radio, diminuíu respecto de 2020 (de 55 a 45 na TVG e de 45 a 30 na Radio Galega), co que, consecuentemente, tamén se reduce o tempo que poden dedicar ao contido electoral. 

Arquivo - CRTVG. CORPORACIÓN DE RADIO E TELEVISIÓN DE GALICIA
Arquivo - CRTVG. CORPORACIÓN DE RADIO E TELEVISIÓN DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Estas alegacións son rexeitadas pola xunta electoral, que non ve "suficiente" a motivación para reducir o tempo de información específico da campaña que figura no plan de cobertura informativa. En concreto, rexeita os argumentos da CRTVG sobre a redución do número de forzas coa consideración de "relevantes" ao realzar "a importancia do "pluralismo político e social" na programación da cobertura informativa da campaña.

Por iso, insta á dirección do ente público a ampliar o tempo dedicado ao bloque de campaña nos seus informativos para, polo menos, asimilalo á duración que consta no plan de cobertura informativa das anteriores eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas en xullo de 2020.

REXEITA PEDIR MÁIS DEBATES

Respecto da segunda petición do BNG que demandaba a recuperación dos debates provinciais entre candidatos, a xunta electoral descarta interceder, xa que, aínda que ve "incuestionable" que os careos entre candidatos e as entrevistas son "un elemento concorrente ao fortalecemento e desenvolvemento do proceso democrático", a súa organización "é unha decisión que corresponde ao medio".

Así, entende que a súa función como árbitro do proceso electoral en aplicación da Loreg limítase a "velar polo respecto dos principios de pluralismo político e social, igualdade, proporcionalidade e neutralidade informativa", pero non pode demandar que se organicen determinadas citas ou eventos en medios de comunicación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta