As estradas da provincia de Pontevedra rexistraron 22 sinistros con 24 falecidos en 2023

Dado que houbo dous sinistros con dous falecidos en Vilaboa e Cambados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2024 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra publicou este venres o balance de seguridade viaria da provincia en 2023, ano no que se produciron un total de 22 sinistros mortais nos que faleceron 24 persoas, dado que houbo dous sinistros con dous falecidos en Vilaboa e Cambados. Estas cifras supoñen seis falecidos máis que no 2022, pero os mesmos que no período 2018-2020 e un menos que no 2021.

As cifras enmárcanse nun contexto de maior mobilidade, recuperando os niveis prepandemia, dado que aumentaron un 1,2% por cento os desprazamentos en relación co ano anterior e un 2,5% respecto ao 2019. Ademais, a provincia conta cun parque de vehículos que se sitúa nos 782.242 utilitarios e vehículos industriais e un censo que se eleva ata os 609.301 condutores.

O número de feridos graves en accidentes de tráfico foi de 96 persoas, e o de feridos leves de 1.364. O número global de sinistros con vítimas foi de 985, o que supón un lixeiro aumento interanual pero unha baixada de 13,4 puntos con respecto a fai cinco anos. O balance tamén indica que 20 das 24 persoas falecidas perderon a vida en estradas convencionais, e 4 en vías de alta capacidade. Uns datos que se aliñan coas estatísticas nacionais que apuntan que 3 de 4 falecementos prodúcense neste tipo de vías.

Atendendo á titularidade da vía o 59% dos accidentes mortais rexistrados na provincia de Pontevedra no 2023 producíronse en estradas autonómicas, un 36 % en vías de titularidade estatal e un 4% en vías municipais. Os usuarios vulnerables falecidos nas estradas da provincia representan o 58 % dos falecidos, o que supón un incremento do 30 % con respecto a 2022.

No 2023, sete peóns e sete motoristas perderon a vida nas estradas pontevedresas. Este incremento débese principalmente ao número de peóns falecidos, xa que no ano 2022 non se rexistrou ningún atropelo mortal. Ademais, ningún ciclista e usuario de ciclomotor perdeu a vida durante o 2023.

En canto ás causas dos accidentes con vítimas mortais, as saídas de vías están detrás da metade dos sinistros mortais, mentres que os atropelos e a colisión frontolateral son a causa do 23% e 13,6%, respectivamente, dos accidentes con perda de vidas. En relación á tipoloxía dos usuarios falecidos, 15 vítimas eran condutores, sete peóns e dous pasaxeiros. A idade media das vítimas na provincia durante o ano pasado foi de 52 anos e o 75% das persoas falecidas eran homes. En canto á franxa horaria máis perigosa, a maior parte dos accidentes mortais continúan a producirse entre as 07:00 e as 14:00 horas e de luns a venres.

Outubro foi o peor mes de 2023, xa que rexistrou o maior número de accidentes mortais (catro) e de vítimas mortais (catro), seguido dos meses de xuño e xullo. En xuño houbo tres accidentes e tres vítimas mortais e en xullo outro tres sinistros mortais e outro tres persoas falecidas. Estes dous meses estivais rexistraron o 25% das vítimas mortais de 2023. Durante o mes de agosto non se produciu ningún accidente mortal.

En relación aos factores concorrentes nos accidentes con vítimas na provincia de Pontevedra, o exceso de velocidade estivo presente no 36% dos accidentes con vítimas mortais e no 23% dos accidentes con vítimas, así como a condución distraída, que causou tamén o 36% dos accidentes mortais e o 27 % dos accidentes con vítimas.

Por último, o balance recolle os datos relativos aos controis que se realizan tras os accidentes nos que se constatou que un 5,7% dos condutores sinistrados consumiran alcol. A Garda Civil de Tráfico realizou o ano pasado 200.392 alcoholemias, das que apenas o 2.61 % foron positivas. Ademais, realizáronse 3.773 probas de drogas que nun 53,71 % dos casos foron positivos.

Autoestrada AP-9, na entrada á ponte de Rande, procedente de Pontevedra.. EUROPA PRESS - Arquivo
Autoestrada AP-9, na entrada á ponte de Rande, procedente de Pontevedra.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta