Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2024 | Actualizada ás 20:44
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, completou esta primeira semana de carreira cara ás urnas cun mitin en Tomiño, un dos bastións do BNG onde volveu a encher o aforamento do mesmo xeito que en Pontevedra, Allariz, Ribeira e Soutomaior, prazas de goberno nacionalista municipal de máis de dúas décadas nos dous primeiros casos e novas conquistas municipais do pasado 28 de maio.
Tamén foi unha semana na que Pontón recolleu apoios explícitos para a súa candidatura. Unha das primeiras voces que se pronunciou foi a do nobel Adolfo Pérez Esquivel, cuxo pai é de orixe galega (de Combarro-Poio), e quen se pronunciou a través das redes sociais do xornalista tamén de orixe galega Ignacio Ramonet.
Outra das voces máis significativas foi a do ex presidente de Uruguai Pepe Mujica, quen pediu o voto para Ana Pontón. "A sorte de Galicia para quen vivimos no río da Prata non é un problema secundario. Demasiado sangue galego corre nas nosas veas", proclamou.
Transcendeu o mesmo día en que Pontón protagonizou unha charla co histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, quen tras máis dunha década fóra da organización que contribuíu a fundar volveu pedir o voto ao BNG e pechou filas, igual que Martiño Noriega, en torno ao "liderado" da candidata do Bloque.
E este sábado, xornada da cultura coa entrega dos premios Goya, o actor galego Antonio Durán 'Morris' revelou en redes sociais. "Sempre fun votante de esquerdas e nunca fixen público o meu voto, pero este ano sentindo as posibilidades de cambio e a capacidade para aglutinar de Ana Pontón, pero sobre todo vendo a ilusión de tanta xente nova noutro futuro para este país, teño a decisión de votar BNG", contou en X.
CRÍTICAS DE RUEDA
Pola súa banda, o presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alfonso Rueda, ironizou con que, tras as críticas aos populares por estar "orgullosos" de Manuel Fraga de anos atrás, o BNG recorrese "aos seus grandes éxitos" nesta campaña e contase co histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras.
"Onte, en pleno mes de febreiro do ano 2024. Que mal deben de estar que rescataron á vella gloria de Beiras!", proclamou Rueda, antes de advertir que se os nacionalistas fosen "valentes, sinceros e transparentes" traerían "aos seus aliados, a eses dos que presumen cando cren que non se lles oe".
"Traerían a ese co que se fan fotos que agora lles ensinamos e se avergoñan, pero non o poden negar como fan co programa porque as fotos son fotos. Se o Bloque é valente, sincero e consencuente, que traia aquí a Arnaldo Otegi. Entón veremos o que é o Bloque!", retou, na liña da mensaxe máis dura contra o nacionalismo que marcou as súas últimas xornadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.