Por Xurxo Salgado | Vigo | 13/02/2024 | Actualizada ás 22:00
Como vai a campaña?
É a primeira vez que fago campaña en primeira liña, non de teloneira ou pegacarteis que tamén era unha maneira moi bonita de facer campañas e é unha voraxine total, pero nada co que non poidamos.
E como percibes a marca Podemos?
Vexo que nos vamos crecendo, dígoo desde a absoluta humildade. Desde unha posición difícil de invisibilidade de Podemos. Lembra que houbo noticias, en primeira liña, de distintos medios que dicían que non nos presentabamos as eleccións. E desde entón, e logo dese apagón, nos fomos pouco a pouco gañando espazo. As campañas son agora para iso, para traballar, traballar e traballar e demostrar que temos un proxecto que defenda a cidadanía.
E cal é ese proxecto?
Pois baseado en que os galegos e galegas entenden como os seus máximos problemas. Un programa destinado a defender a sanidade, a educación, os servizos sociais públicos, o sector industria, Alcoa, o sector do agro e o mar, si ás eólicas pero non así, defender a vivenda e que hai moitos medios para facer vivenda pública. En fin,un programa destinado a defender o que lles interesa aos galegos e galegas.
As grandes superficies están acabando cos traballadores do noso agro e iso hai que darlle resposta
Falabas agora dun problema como é o agro. E como ves as protestas destes días?
Pois, hoxe espertaba con que os agricultores tamén poñen nomes propios. E aí é onde Podemos se manifesta con nomes propios. E ando Ione Belarra falou de Mercadona, moita xente e forzas escandalizáronse. Nós fomos os primeiros en dicir dicir que non hai que facer ventas a perdas e eles defenden unha situación que tamén nos afecta a todas como consumidoras e que o mundo do agro fala e hai que escoitalo.
E non manipulalo?
Claro, e non manipulalo.
E non cres que hai moita manipulación nestas protestas?
En todo hai sempre manipulación e por iso saber separar o gran do palla, os intereses dun dos doutros, das grandes superficies fronte aos agricultores, do agricultor intensivo fronte ao extensivo, Das granxas pequenas e de granxas intensivas, dos que contaminan as nosas terras e os que traballan dignamente. A política está para iso, para escoitar e para poñer o foco onde hai que poñelo. E, efectivamente, un dos focos é que as grandes superficies están acabando cos traballadores do noso agro e iso hai que darlle resposta.
E se a responsabilidade é de grandes superficies porque hai plataformas que directamente instan aos gandeiros e agricultores a manifestarse diante dos ministerios ou directamente diante da sede do PSOE?
Por que todo se referencia na política, nos políticos, porque parecen ter a chave. E logo non esquecer que en todas as protestas sempre hai grupos de manipulación como di o dito de “a río revolto, ganancia de pescadores”. Pero iso non pode quitar que non nos fixemos nas reivindicacións xustas do agro.
Está claro. Pero entendo que Podemos non apoia ese tipo de manifestacións?
Claro que non apoia a utilización perversa das xustas reivindicacións do mundo do agro.
Comentabas antes que se invisibilizou a Podemos desde os medios, pero é que tamén houbo un problema grande que foi que a última hora non houbo acordo con Sumar. Que pasou para que acontecera iso?
Hai distintos proxectos na esquerda e cando hai distintos proxectos pois o que hai que buscar e coalicións de consenso e nós somos expertas niso porque levamos moitas coalicións en Galicia. Pero sempre baseadas no respecto e non en ser subalternos. Cando iso non sucede pois non se chegan acordos. E ninguén lle pode dicir agora, despois de 10 anos, a Podemos que non defenda o seu proxecto. E desde logo, se alguén divide, non é Podemos que leva 10 anos sendo a máis forza mostra de confluencias en todos os territorios.
Se alguén divide, non é Podemos que leva 10 anos sendo a máis forza mostra de confluencias en todos os territorios
E non cres que isto vos vai pasar factura porque xa sabes que as divisións sempre favorecen ao PP?
Eu creo que non porque se a xente ten a posibilidade de contemplar o proxecto que defendemos pois darase conta. E á esquerda do PP o proxecto máis potente é o de Podemos. De Podemos nunca imos defender recortes para a clase traballadora nin perda de dereitos para a cidadanía.
Pero iso curiosamente era o que din dende o BNG, que o seu proxecto é o de máis esquerda do país. Dis ti entón que Podemos está agora máis a esquerda que o Bloque?
Vaiamos ás votacións do Bloque no Congreso e, ao mellor, se demostran algunhas cousas. Que a xente estude e mire pero eu vou defender o meu proxecto e non vou atacar a ningún outro.
Eu non falo de atacar a ninguén...
Seino, pero entende que responda así. O que teño claro é que os feitos están aí e todas as votacións no Congreso, tamén. E quen apoiou a Galicia e quen non.
Tamén Podemos apoiou cuestións cando estaba no Goberno que foron polémicas e criticadas pola clase traballadora...
Non as apoiou. Ademais a Podemos custoulle moitas críticas algunhas cuestións. Lembro que nos dicían que non se pode estar no goberno e criticar; estar na misa e repicando. Pois si, pódese criticar porque nós aceptabamos as cuestións que saían do Consello de ministros pero non deixabamos de defender aquilo no que criamos.
Refíreste á trama eólica, o clientelismo do PP, as críticas ás clases ricas... Son tamén argumentarios que tradicionalmente defendía en Galicia o BNG
Eu creo que defendía calquera galego e galega con sentido común. Que as macroeólicas se instalen en Galicia sen coontrol, sen impactos medioambientais. Aí está o caso de Greenalia e que se fagan coa expulsión do mundo rural e destrución do territorio e que se faga, habendo como hai, superprodución de enerxía en Galicia e non tendo ningún beneficio e só prexuízos. Dos máis de mil millóns de beneficios só quedaron en Galicia, 30. Iso non o defende unha forza en concreto senón calquera galego con sentido común e a iso nos referimos nós como partido.
Aínda que (BNG, Sumar) denuncien os proxectos eólicos, quen pon nome as cousas é Podemos
Pero nesa loita estades vós, Sumar, o BNG e mesmo o PSdeG...
Pois benvidos todos a esta loita. Cantos máis sexamos, mellor. Máis loitaremos. Pero tamén hai que ter en conta que, aínda que todos denuncien, quen pon nome as cousas é Podemos. Nós falamos da riqueza que está facendo García Pardo –un dos promotores de Greenalia--.
E tamén falades de Amancio Ortega, e da súa familia. Que pasa con Ortega, é intocable en Galicia?
Non é que sexa intocable pero parece que falar de Ortega é atacalo. E non se trata dun ataque, senón de xustiza fiscal. Necesitamos unha reforma fiscal non pensada nos beneficios das grandes fortunas senón pensada na solidariedade que ten que ter un país. E esa solidariedade fiscal pasa por esa reforma fiscal que aumenta o gravame para as grandes fortunas e que elimina as exencións que teñen en temas como a compra de accionariado de empresas de máis de cen millóns. Iso suporía, por exemplo uns ingresos anuais enormes en millóns de euros que servirían para a sanidade e a educación pública, para salvar a Alcoa, en industria, en agricultura. Poñémoslle nomes poque o teñen e hai que falar de persoas, sempre.
Nesta campaña escoitase moito á familia Ortega, pero hai máis ricos. Está Escotet, Jove, Rivera, Campos, Puentes... Hai moitos máis ricos en Galicia que a familia Ortega
E nós xa falamos deles. Falamos da taxa Ortega porque non só é a familia máis rica de Galicia, senón de España, de Europa e unha das principais do mundo. Pero nós tamén dixemos que baixo esa taxa, ademais da familia Orega, están Escotet, Jove, García Pardo, etc... Falamos dunha gran taxa ás grandes fortunas que non sexa como a que fixeron de só dous anos que parece iso de “un poquito si”. Buscamos unha taxa definitiva para as empresas de máis de cen millóns de euros.
Estes días estivo aquí Ione Belarra, Irene Montero, outros líderes. Agardase a Podemos nesta campaña das galegas?
Pablo neste momento xera moita expectación e é un home que dirixe unha editorial e é o home máis leal e referencial de Podemos. Pero aquí teñen que estar as persoas que dirixen ou son cargos do partido; Irene Montero, Ione Belarra, Javier Sánchez Senra, Isa Serra... persoas que son representativas no partido. Eu sei a expectación que xera Pablo Iglesias pero o mellor significado de Pablo Iglesias foi un tuit no que apoia a candidatura de Isabel Faraldo.
E por que cres que antes fixo ese tuit chamando a apoiar ao BNG?
Primeiro, para nós a campaña é galega e tense que facer por galegos e galegas. Outra cousa é convidar aos nosos dirixentes estatais como reforzo ou apoio para dar visibilidade de que somos unha forza estatal e europea. Idoia Villanueva estivo aquí este martes. Máis alá diso a campaña faise por e para Galicia. Pablo Iglesias, no seu momento, máis ben a súa editorial, fixeron unha interpretación tacticista de como vían o panorama en Galicia antes de que Podemos presentara candidatura. Insisto, unha vez presentada a candidatura e, como eu dixe, estaba convencido de que como leal militante ía apoiala e agora acaba de corroboralo cun tuit. E el foi máis alá e asegurou que a candidatura máis valente que se presenta en Galicia é a de Isabel Faraldo.
Pablo Iglesias apoia a candidatura máis valente que é a de Isabel Faraldo
Non digo que non o fixera por cuestiónos tácticas pero é moi estraño que o fundador de Podemos se decante por outro partido mentres o seu negocia unha candidatura...
Non se decantou
Pois pediu o voto para o BNG...
Non, non. Eu iso discuto ata a saciedade. Todo o foco se puxo aí porque era moi chamativa. Pero o que di a editorial Red é que ante un acordo precario e pobre como o que propuña Sumar a Podemos, o mellor era votar, nalquel momento, ao BNG. E o dixo porque aquel acordo era pobre e precario e invisibilizaba a Podemos. Pero isto non o dixo só a Editorial Red senón que ese acordo tamén o rexeitou o 63% da militancia. A partir de aí presentase o propio proxecto e agora si, Pablo Iglesias, insisto, Pablo Iglesias e non a súa editorial, están coa candidatura de Podemos.
Mira, unha cousiña que me pasou cando falamos dos ricos. Pode haber ricos tamén na candidatura de Podemos ou noutras de esquerdas?
Si, claro e seguramente os hai. Non falamos de quen ten máis fortuna, senón de quen máis ten que pague máis estea onde estea. Non estamos en contra das fortunas senón que ten que haber unha fiscalidade que elimine os privilexios das fortunas e implante a solidariedade fiscal.
Independentemente dos resultados do 18F, Podemos continuará na escena galega, non?
Nin o dubides. Nós levamos dez anos xa na escena galega. E imos traballar onde nos poñan os galegos e galegas porque hai partido, hai proxecto, hai xente. Vémolo nos actos nos que facemos, con salas cheas de xente e ilusionadisima. O camiño non é fácil pero seguiremos.
Falas dun camiño difícil, que vai pasar o 18?
Non sei o que vai pasar pero si o que ten que pasar que é reverter as políticas do PP que están danando a Galiza e non a poñen na vangarda. Falamos das macroeólicas, da pesca, do agro. Non se pode converter a Galicia nun país de catro e xo vimos na crise dos pélets que lle deron a xestión a unha empresa de mercadotenia. Temos que rematar con iso e por iso Podemos é fundamental.
E xa para rematar. O outro día tiveches un debate no que puideches falar con todos os candidatos. Con cal deles tiveches máis feelling?
Pois non tiven oportunidade de falar con ningún porque cada un estabamos ao noso e ao rematar o debate pois fai que, tras a tensión acumulada, cada quen volva ao seu sitio, ao seu cuarto. Os saúdos e despedidas foron moi cordiais mero non me deu tempo a sentir feelling con ningún. Desde logo o que si teño é unha falta absoluta de feelling con Rueda xa que desde que entrou no plató sei as grandes distancias que temos que son insolventables.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.