Besteiro (PSdeG): "Non defendo a independencia de Galicia, pero co BNG podo atopar puntos de encontro sempre"

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta critica nesta entrevista a populares e nacionalistas. Acusa ao PPdeG de ser o partido da "mentira" e de "poñer o retrovisor" e non mirar cara adiante. Ao BNG dille que é irreal unha tarifa eléctrica ou unhas pensións galegas, pero si coincide en mellorar a sanidade, a educación e os servizos públicos e, sobre todo, darlle un pulo ao ensino e uso do galego. Lembra os seus oito anos no ostracismo por mor da denuncia de Elena Candia e di que saíu desa época "moi forte, sobre todo, cando algúns pensaban que estaba afundido e que xa non había máis Besteiro".

Por Xurxo Salgado | A Coruña | 15/02/2024 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Besteiro defende propostas concretas e critica aos que "predican" sen fundamento. "Unha cousa é predicar e outra é dar trigo e eu agardo dar trigo", di en alusión a conseguir para Galicia logros concretos como a gratuidade da AP-9 ou un mellor financiamento autonómico. 

José Ramón Gómez Besteiro
José Ramón Gómez Besteiro | Fonte: PSdeG

 

Destaca a colaboración e boa sintonía que tivo dos vicepresidentes do BNG que tivo sendo presidente da Deputación de Lugo e destaca que gobernou e pode gobernar co BNG se hai "un acordo claro" entre as formacións. Tamén pide o "voto útil", ese que pode ir a Sumar e Podemos e que pode acabar no PP e lembra que iso xa pasou en Lugo, cando o PP levou un escano nas eleccións Xerais dos restos de Unidas Podemos e o BNG que non conseguiron escano.

 

Como vai esta primeira campaña como candidato á Xunta?

O deputado do PSOE e candidato do PSdeG á Xunta, Xosé Ramón Gómez Besteiro
O deputado do PSOE e candidato do PSdeG á Xunta, Xosé Ramón Gómez Besteiro | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

Pois moi ben. Eu o recordo que teño de todas a campañas que fixen é sempre a socialización. Eu son moi sociable e gustame moito socializar. Non teño mal recordo de ningunha e xa fixen moitas aos meus 56 anos.

 

Pero esta é decisiva. Estas xogaste moito ti...

Pois si. Xa ves, con 56 anos, e logo de pasar oito anos no ostracismo, todo se relativiza.

 

Efectivamente, oito anos no ostracismo. E como non saíu isto na campaña?

Pois eu tampouco o saquei. Eu quero mirar cara adiante, non cara atrás. Non quero eu esta vitimización porque tampouco me sinto así e, por iso, eu non quero utilizar iso. 

 

Non digo que non utilices pero é curioso que partindo dunha denuncia dunha dirixente dun partido, ninguén na campaña dixera nada, especialmente, o PP...

Pois sería un erro político utilizar isto na campaña porque se ía volver contra eles como un boomerang e tampouco eu quixen sacalo porque eu o que quero falar é de proxecto político e non mirar atrás. Eu cando cheguei á Deputación de Lugo non mirei para atrás, non estaba co retrovisor. Mira ti o PP que levan 15 anos e aínda poñen o retrovisor en relación ao bipartito. É o peor que podes facer, poñer o retrovisor, por iso eu nesta campaña tampouco quero mirar para atrás. Quero mirar para adiante. 

 

Normal, pero supoño que a ti eses oito anos no ostracismo che fixeron reflexionar como persoa porque son moitos anos fóra da política cando eras candidato do PSdeG e ías competir con Feijóo.

Si, pero ese período fíxome madurar e fortalecerme. Eu saín desa época moi forte, sobre todo, cando algúns pensaban que estaba afundido e que xa non había máis Besteiro, nin máis futuro político para Besteiro. Ao final o que estou demostrando é que fun quen de rexurdir e os que me quixeron facer dano non o conseguiron. Que mellor exemplo de resistencia e fortaleza que esta experiencia. Isto si que é boa bagaxe para o futuro.

 

Falas que ninguén te pode afundir, pero algunhas enquisas afunden ao teu partido...

Mira, a mellor enquisa éche o 18 de febreiro porque se nos fiamos das enquisas nin Pedro Sánchez era presidente do goberno, nin cousa parecida...

 

Bueno, semella que hai un voto oculto de máis dun 20% de persoas que non se pronuncia e ese voto soe ser conservador, tanto pola dereita como pola esquerda...

Efectivamente, e ese voto oculto pode favorecernos se se activa os últimos días. Por iso estou convencido de que haberá unha corrente de votos a favor nosa. Ademais o mércores foi a nosa mensaxe no debate que, se a xente quere un cambio solvente, hai que ter un proxecto e un compromiso. Non só é reclamar e reclamar aos outros. Hai que comprometerse para traer cousas para Galicia. E nós expuxemos un programa global que toca todos os sectores, entre eles, a reindustrialización de Galicia. Estes vindeiros catro anos son fundamentais. Ou collemos o tren ou perdémolo definitivamente. Unha cousa é predicar e outra é dar trigo e eu agardo dar trigo.

 

Pero para dar trigo, tes que estar en disposición de ter trigo.

Claramente...

 

Eu entendo que a túa baza é o que traes debaixo do brazo de Madrid. Pero unha cousa é esa e outra moi diferente é gobernar en Galicia.

Claro que si. Pero se eu fago unha promesa política é porque a vou a cumplir se a xente me dá ese impulso e ese apoio. Se uns queren a transferencia da AP-9 e din que a van reclamar. Ben, está ben. Reclamar pódense reclamar moitas cousas. O que hai que facer é comprometerse cunha acción determinada, a gratuidade desa peaxe. Esa é a oferta que eu lle fago ao electorado e eles decidirán se me elixen a min como presidente que loitarei por esa gratuidade e non por unha transferencia dunha competencia que igual non nos sae gratis. E por iso estou seguro que a xente, que non é parva, sabe diferenciar isto. E por iso o 18F vai aparecer moita xente que vai votar ao PSOE. 

 

Pero para iso terás que estar por riba en votos dunha candidata que desde o minuto 0 fala de que ela vai ser xa a presidenta...

Eu non creo que unha persoa vai ser presidente ou presidenta porque o repita 50 veces. 

 

Non o digo tanto por repetilo senón por feitos concretos. Ana Pontón presentou xa hai uns días un goberno concreto, no que apuntaba xa as áreas de goberno e mesmo algunhas consellerías que vai ter, entre elas unha de Igualdade que asumirá ela. Non sei se a ti che parece ben esa proposta dela se tes que negociar un futuro goberno na Xunta?

Os cidadáns decidirán se se poden tomar este tipo de decisións. Pero ese nivel de acordo e como vai ser un futuro goberno terán que decidilo os galegos e as galegas. En todo caso a min non me interesa agora falar de quen vai ser presidente, senón falar das preocupacións dos galegos, de acadar máis emprego, ter mellor sanidade, servizos públicos, educación, vivenda e facelo vendo como captamos recursos para facer posible isto. 

 

Efectivamente. Son preocupacións do común dos galegos pero tamén a visibilización dunha alternativa de cambio que, historicamente, en Galicia, non pasa só por un partido senón por dous ou por máis. Entón non entendo por que rexeitades tanto uns como os outros falar de pactos...

Porque ten todo un momento. Agora estamos nunha campaña electoral na que cada un debe expoñer o seu programa e proxecto, do que ti queres, do que eu faría coas mans libres se tivera maioría absoluta. Outra cousa é o que deciden logo os galegos e galegas o 18 de febreiro. Se non nos votan masivamente pois será cando teñamos que falar e poñernos de acordo sobre proxectos comúns. Eu non falo en nome dos galegos, senón para os galegos. 

 

Se eu xa sei que tedes un proxecto de país diferente, semellantes en moitas cousas, pero a xente sabe que o BNG apoia a Pedro Sánchez en Madrid, que goberna conxuntamente co PSOE en dúas deputacións e en multitude de concellos, que houbo un bipartito PSdeG-BNG e que ti mesmo, como presidente da Deputación de Lugo tiveches un vicepresidente nacionalista. A xente xa sabe que se non dan as contas, é normal ter un goberno conxunto. Non cres?

Pero para iso deberiamos ir en coalición. Por iso penso que o máis honesto é que cada partido exprese o seu proxecto, as súas ideas e o seu programa que, nalgúns puntos, son diferentes. E aí está o tema da tarifa eléctrica galega (do BNG) que é imposible porque o sistema eléctrico é europeo, ou se me apuras, ibérico. Ti podes trasladar beneficios previos ás autonomías ou concellos pero non podes defender unha tarifa propia eléctrica só para Galicia. Como tampouco podes defender unha pensión só para Galicia porque por esa regra de tres tamén eu podería defender unha tarifa eléctrica propia para Lugo. Unha cousa é predicar e outra dar trigo. Eu o que quixen e quero escenificar é que se queremos un cambio temos que ir a un cambio solvente, seguro e iso é o que ofrece o Partido Socialista. Por iso é importante que teñan unha campaña electoral e uns debates nos que expoñer o teu programa e as túas ideas e logo que a xente elixe.

 

 Eu che podo falar ben dos problemas dos autónomos que, durante oito anos, fun autónomo

 

Claro e supoño que tamén se elixe polos candidatos e ultimamente a xente mira aos políticos como algo raro. No teu caso, levas unha dilatada experiencia como político. Xestionaches áreas como concelleiro en Lugo e como presidente da Deputación de Lugo. Fuches deputado no Congreso, pero, como dicías, tamén tiveches oito anos fóra da política. Cres que a xente valora isto?

Totalmente. Eu che podo falar ben dos problemas dos autónomos que, durante oito anos, fun autónomo. Esa mestura é enriquecedora e supoño que a xente o terá que valorar. Eu proveño do mundo local e iso permitiume madurar moito como político. No mundo local están as miñas raíces e logo na deputación. E aí está o éxito do modelo de residencias públicas que puxemos en práctica en Lugo. Podemos facer residencias públicas ademais de ter unha vellez pacífica como dicía o BNG no debate. Iso está ben se a xente quere estar na súa casa, pero que pasa cando non poden ou non queren?. E cando son dependentes, tamén teñen que ser dependetes pacíficos na casa?. Supoño que haberá que artellar diversas alternativas e sexa a xente a que escolla. Por iso nós propoñemos tamén residencias públicas, pero, ollo, que se poidan pagar, claro. Todo isto da dependencia, da sanidade, da educación do PP ten truco. Están recortando para que ti vaias voluntariamente á sanidade, residencias ou fondos de pensión privados. Ese é o negocio da dereita, non o noso negocio. Por iso, tamén a xente terá que escoller se quere ter boas residencias públicas que poidan pagar ou pasar unha vellez digna na súa casa. 

 

Ese problema é un problema que padecemos todos e todas, pais e nais aos que coidar, fillos e fillas aos que atender e ter uns servizos públicos adecuados.

Por iso o que hai que ter son medidas que sirvan para o conxunto da xente. Non se trata de que todo sexa gratis, senón de que sexa eficiente, eficaz e que poida chegar a todos e todas.

 

Ese sistema de residencias puxéchelo en marcha sendo Antón Bao, do BNG, vicepresidente contigo na Deputación de Lugo. Como foi a relación con el?

Eu tiven sempre moi boa relación con todos os vicepresidentes que tiven. Aí están os datos, primeiro con Bao e logo con Veiga. O importante é ter un bo acordo de goberno. E como o tiñamos, pois era o que se cumpría.

 

Entón a convivencia co BNG foi positiva?

Si, claro, moito. E que tiñamos maioría absoluta e por iso se puideron facer. Eu son moi posibilista e quero que as cousas saían e, para iso, hai que acordar para avanzar.

 

Por iso se xa tiveches boa experiencia con Bao ou Veiga tamén a podes ter con Ana Pontón?

Eu xa o dixen claramente. Eu non son nacionalista. Eu son profundamente socialista. Hai cousas que nos diferencia, por suposto, eu non estou a favor da independencia de Galicia, pero co BNG podo atopar puntos de encontro sempre e cando haxa un compromiso claro de realizar determinadas políticas a favor da cidadanía. 

 

Hai que superar o déficit que existe no uso do galego para que se equipare, cando menos, co castelán. E iso non é ser máis nacionalista, senón ser realista

 

Tamén hai un punto aí que xera tensións. Xerou tensións no primeiro debate. No segundo Xabier Fortes enfocouno moi ben, que é a política lingüística. Entendo que o problema e a situación da nosa lingua terá que ser tratado nun goberno do cambio con contundencia e con delicadeza, non?

Por suposto, pero tendo en conta que non hai igualdade cando se fala do galego. Polo tanto, o que teremos que facer é superar o déficit que existe nese uso do galego para que se equipare, cando menos, co castelán.  Esa é a miña responsabilidade tamén. E iso non é ser máis nacionalista, senón ser realista. A acción da administración non pode facer que cada vez se fale menos galego e que a xente moza non fale galego, nin o saiba escribir. E que algúns nin o entenden. Temos que conseguir que se fale máis e ter a habilidade de promocionar o galego para facelo máis atractivo e para que a xente o fale. Se pode ser, correctamente, pero o principal é que dea ese paso de falalo. O que hai que tratar é de que se fale máis e, logo, que se fale ben. Temos que ir nesa dirección e isto non indica que haxa unha inmersión única en galego, que eu iso si que non o vou cosentir. Pero se se trata de elexir galego si ou galego non; galego si, por suposto, e neste momento máis. Por iso non entendo como o PP e Feijóo votara en contra do uso do galego no Congreso como aprobou o PSOE cando é un dos símbolos do noso país. 

 

Pero ti non cres que iso vai na dinámica de como está enfocando o PP esta campaña, cun ton marcadamente españolista.

Claro, se ti durante meses e pasaches dicindo que a amnistía era un mantra e que era innegociable e vén Feijóo e di que estivo falando con Puigdemont, con ERC, de indultos pois que queres que che diga. A mentira está moi presente na vida do Partido Popular. En todo caso, eu podo entender que o PP estatalice ou españolice a campaña porque en Galicia coinciden concellos, coincide Xunta e coincide Estado. E polo tanto, os problemas de España tamén o son de Galicia. Pero diso, a centrar todo en Puigdemont, ETA ou o indulto. Supoño que o PP terá que falar das pensións, da tarifa eléctrica, pero, claro, se non hai proxecto, nin programa sobre isto. O mesmo que outros que queren pensión galega e tarifa eléctrica galega cando están dentro dun marco estatal. E que se lle aplicamos a caixa de pensións galega a Galicia, as pensións baixarían porque temos un déficit de 7.000 euros anuais en pensións.

 

Pero tamén entenderás José Ramón que Galicia, como nacionalidade histórica, Galicia ten unhas peculiaridades que non teñen outras autonomías do Estado.

Pero esa peculiaridade tense que ver no financiamento. Quero dicir que non hai que coller só a parte boa para Galicia e deixar a parte mala para os outros. Cando falo de compromiso político falo tamén diso. Imaxínate que mañán Baleares ou Madrid reclamaran unha pensión madrileña ou balear. Eles teñen superavit en cotizacións e por elo esa pensión sería altísima. Por iso temos unha caixa única, para equilibrarnos a todos e que uns non gañen e outros perdan. 

 

Eu non expoño divisións, senón que hai singularidades galegas que hai que ter en conta e que non se teñen en conta.

Iso por suposto. Aí está a dispersión poboacional, o envellecemento. Pero iso tamén afecta ao financiamento porque custa máis tamén levar servizos a determinadas zonas que cando tes todo concentrado. E iso hai que ponderalo á hora de levar servizos públicos a eses sitios. Pero iso é o que nos une a Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e León, Castela A-Mancha no financiamento autonómico. Aí non imos atopar axuda de Cataluña. Pero menos mal que no Estado está gobernando o PSOE, porque senón, esquécete. O único criteiro do PP é o de poboación e, aí, Galicia sairía perdendo. Por iso sempre hai que comprometerse cunha acción concreta para traer cousas ao noso país, con fondos europeos, fondos do estado. E tamén que os proxectos industriais que veñan estean moi vinculados co territorio e co seu financiamento. E esa tarifa eólica vai por aí.

 

Nos debates escoitamos a Podemos e o BNG falar de portas xiratorias no tema eólico. Estás de acordo?

Claro porque a desatención do público leva a favorecer o privado. Chámalle portas xiratorias ou como queiras. E aí tamén está a perda do poder financeiro de Galicia cunhas caixas que deixaron de ser galegas,  R, Pescanova, Unión Fenosa que agora é Naturgy. Perdemos capacidade económica e financeira e temos que recuperala.  E, efectivamente, o PP aparta recursos públicos para levalos á privada. Por iso, xa se privatizan servizos tan públicos como a sanidade e por iso se incrementaron tanto os seguros sanitarios privados.

 

Eu o que neste momento pido é un voto útil para este cambio

 

Falamos do cambio. Pero ese cambio vai ser con Sumar e Podemos tamén?

Eu o que neste momento pido é un voto útil por este cambio. Eles mesmos saben que van ter difícil representación e que moitos votos que vaian a esas formacións farán difícil un cambio en Galicia e poden restarlle escanos ao PSOE saíndo beneficiado o PP. Xa pasou en anteriores eleccións, como en Lugo, onde os 15.000 votos de Sumar e os 20.000 do BNG fixeron que o PP tivera tres deputados e o PSOE, un. Fixeron que o PP tivera un máis e o PSOE, un menos.

 

E cres que o voto emigrante pode afectar aos resultados?

Non che podo responder a iso. Desde que se fixo o cambio de voto rogado na emigración non houbo un voto masivo nas xerais, pero non sei como será o comportamente nestas eleccións.

 

E desta vai, entón?

Non é que desta vai. Desta ten que ir porque é un momento e unha oportunidade histórica. 

 

E senón vai, que vai pasar?

(Ri) Irá, irá. O 18 de febreiro está aí e a mellor mensaxe que se lle pode dar a un elector é que nós imos respectar o resultado electoral. Esa é a mellor mensaxe nunha democracia non como fai o PP que cando as cousas non saen como el quere que saia pois deslexitima o resultado e iso non é bo para ese partido e para a Democracia en xeral.

 

E se os resultados non son como agardas, Besteiro asumirá responsabilidades?

Por suposto. Besteiro sempre asume responsabilidades. E aí está a miña vida que é un exemplo de asunción de responsabilidades, de paciencia, de resistencia e, sobre todo, de querencia a un partido que me debo desde o primeiro día e un país que é Galicia co que estou comprometido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta