Por Europa Press / Redacción | Madrid | 21/02/2024 | Actualizada ás 17:30
A Sala do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional confirmou este mércores a resolución da CNMC de xullo de 2019 que considerou que oito empresas lácteas, entre as que figuran Pascual, Danone, Lactalis ou Nestlé, entre outras, e dúas asociacións formaron un cártel para intercambiar información comercial sensible para coordinar a compra de leite en España.
En concreto, o tribunal ditou nove sentencias, unha por cada mercantil recorrente, confirmando as multas de 8,5 millóns de euros impostas a Calidad Pascual; de 53.310 euros a Central Lechera Galicia; de 11,6 millóns a Grupo Lactalis Iberia; de 6,8 millóns a Nestlé e de 929.644 euros a Schreiber Food España, segundo consta nos diferentes fallos da Audiencia Nacional.
Respecto destas sancións, a Sala rexeitou o argumento das empresas, que recorreran a sentenza de Competencia, que as consideran arbitrarias, e considerou que "están motivadas e non resultan desproporcionadas", porque están por baixo da media do tipo sancionador máximo, cunha porcentaxe que se axusta ás circunstancias particulares dos intervenientes.
No entanto, o tribunal estimou parcialmente o recurso presentado por Comercial Alimentaria Peñasanta, á que se lle impuxo unha multa de 21,8 millóns de euros; Danone, con 20,2 millóns de euros; Industrias Lácteas Granada (Puleva), sancionada con 10,2 millóns de euros; e Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (Aelga), tras "entender que algúns dos períodos investigados están prescritos".
Así, a Sala pediu a Competencia que recalcule estas multas tendo en conta os períodos que se consideran prescritos para cada unha delas, mentres que no caso de Aelga, o Tribunal confirma que participou no cártel, pero anulou a multa de 60.000 euros "por falta de motivación".
Desta forma, as sentenzas confirman as sancións por infracción "moi grave" do artigo 1 da Lei 15/2007 e do artigo 101 do Tratado de Funcionamento da UE en materia de competencia cometida polas empresas investigadas entre 2000 e 2013.
O Tribunal considera acreditado a "existencia de intercambios de información sobre prezos e outras condicións comerciais" entre empresas competidoras do sector lácteo, así como contactos sobre prezos e outras condicións comerciais por parte destas empresas, que teñen un papel relevante no sector lácteo, a través das dúas asociacións investigadas, as máis representativas do sector.
Tamén ve acreditado os contactos sobre gandeiros co obxectivo de informar ou acordar estratexias, así como os intercambios de información sobre excedentes de leite para a xestión dos mesmos.
Segundo a Sala, a proba analizada pon de manifesto que ao longo do período infractor, as empresas co intercambio de información reduciron o nivel de incerteza entre elas, coa consecuente diminución da competencia e do poder de negociación dos gandeiros para controlar o mercado de aprovisionamento de leite cru de vaca, que segundo recolle o fallo, "configura a infracción única e continuada", á marxe de que non todas as empresas participasen en todas as condutas.
A Audiencia, tras analizar as actuacións atribuídas a cada unha das empresas, considera acreditado un cártel configurado como unha "infracción única e continuada" que englobaría prácticas de intercambio de información comercial sensible que poderían materializarse en determinados momentos en acordos de fixación de prezos e repartición de mercado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.