Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2024 | Actualizada ás 10:44
Unha muller de 98 anos de idade faleceu, e outras cinco persoas foron rescatadas ilesas tras declararse un incendio nunha vivenda unifamiliar do municipio coruñés de Bergondo, segundo informou o CIAE 112 Galicia. O sinistro ocorreu á primeira hora da mañá deste mércores, nunha casa de Aldea de Arriba, na parroquia de Santa Marta de Babío, cando os propios afectados chamaron a Emerxencias para informar o lume, e advertían de que había unha persoa enferma, que xacía nunha cama sen posibilidade de moverse, ademais doutros adultos e unha menor que estaban a buscar acubillo.
Pouco despois, nunha segunda chamada, explicaron que decidiran subir ao tellado e alí esperar a chegada dos servizos de rescate, aínda que finalmente puideron saír de casa saltando por unha xanela, axudados por outro membro da familia, que saltara antes e polos efectivos de rescate. O 112 alertou de inmediato aos bombeiros de Betanzos, ao 061, a Protección Civil e Garda Civil.
Unha vez no lugar, os bombeiros rescataron a cinco persoas, catro adultos e á menor que se atopaban na cuberta da vivenda, e que resultaron ilesos. Con todo, os servizos de Emerxencia nada puideron facer pola muller que estaba na habitación, á que atoparon xa sen vida. Os bombeiros tiveron que facer uso de material especializado para controlar a temperatura do incendio e ventilar o fume da vivenda.
Ata o lugar desprazouse a alcaldesa da localidade, Alejandra Pérez, que precisou que, no momento do incendio, había cinco persoas na vivenda, das 7 que viven alí, xa que a nai e un dos seus fillos saíran a traballar, aínda que regresaron ao lugar ao ter coñecemento do ocorrido. Segundo explicou en declaracións aos medios, o núcleo familiar está formado por un matrimonio, dous fillos, a muller dun dos fillos e a súa filla menor, ademais da bisavoa da familia, que resultou falecida.
A BISAVOA ALERTOU AO RESTO DA FAMILIA
Foi precisamente a anciá, A.R.G.S., de 98 anos de idade e que se atopaba enferma e encamada, a que alertou do incendio ao resto da familia, pero nada se puido facer por salvarlle a vida, segundo explicou a rexedora. As chamas iniciáronse na planta baixa da vivenda aínda que, de momento, descoñécense as causas exactas e a Garda Civil xa abriu unha investigación.
Unha vez no lugar, os bombeiros rescataron aos dous adultos e á menor que se atopaban na cuberta da vivenda, e que resultaron ilesos. Con todo, os servizos de Emerxencia nada puideron facer pola muller que estaba na habitación, á que atoparon xa sen vida. Os bombeiros tiveron que facer uso de material especializado para controlar a temperatura do incendio e ventilar o fume da vivenda, que resultou moi danada polas chamas.
A alcaldesa, que lamentou este suceso "moi triste", explicou que o Concello porá a disposición dos afectados os servizos que necesiten. Pola súa banda, o 061 informou de que enviou á zona dúas ambulancias de soporte vital avanzado e dúas ambulancias de soporte vital básico, ademais de persoal sanitario do Centro de Saúde de Bergondo. Os profesionais sanitarios confirmaron o falecemento da bisavoa, e deron de alta no punto a un home de 58 anos de idade, D.M.G.; unha muller de 31 anos, L.V.V.; e unha menor, todos ilesos. O 112 Galicia tamén informou de que o lume danou fundamentalmente dúas estancias, unha sala e unha galería comunicadas entre si e de grandes dimensións, aínda que toda a vivenda resultou afectada o fume.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.