A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico chega a Santiago coa mirada posta no poder político

Esta edición, que contará coa proxección de 70 pezas, homenaxeará a Dorothé Schubarth e haberá películas con subtítulos específico para persoas xordas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A decimonovena edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que se celebrará do 20 ao 26 de marzo en Santiago, porá a mirada sobre o político e contará coa proxección de preto de 70 pezas. A presentación desta edición realizouse este mércores no Museo do Pobo Galego e contou coa participación da directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira, a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, a concelleira de Cultura de Santiago, Míriam Louzao, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e co deputado provincial da Coruña Xosé Luís Penas Corral.

A peza que acompaña esta edición e a imaxe gráfica son produto da cineasta Sabela Souto e parte dun traballo previo sobre a primeira cooperativa dedicada ao téxtil na comarca de Verín, no que políticas laborais, feminismo e tradición conflúen na memoria industrial sobre as mulleres. Na sesión inaugural, que se será o mércores 20 ás 20.00 horas no Teatro Principal, estrearase '586 cantos' e será unha homenaxe ao legado da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, que faleceu o pasado ano.

Durante a presentación, Miríam Louzao incidiu en que o MICE é unha cita "totalmente consolidada" no calendario dos festivais audiovisuais galegos pola súa "traxectoria continuada" e tamén por "a súa singularidade". O MICE, continuou, ofrece unha "ampla e única" programación coa que o público "ten a posibilidade" de achegarse a este tipo de cinema desde "diferentes perspectivas". Este ano no que a cita pon o acento sobre o político, Louzao apuntou que, nun momento "de gran polarización e dun constante ruído mediático", é de "agradecer" contar con espazos nos que permitan ter "unha perspectiva critica" do "papel que xoga" o poder político.

70 PELÍCULAS DE 14 NACIONALIDADES

Durante o MICE proxectarán, entre todas as seccións, preto de 70 películas, de 14 nacionalidades e 12 estreas. O concurso da sección internacional conta con 13 películas. Así mesmo, da porcentaxe total da programación o 50 % está realizado por mulleres e o MICE mantén unha sección específica para as súas películas. "É un festival moi feminista", enxalzou Ana Estévez.

PROGRAMACIÓN

Ademais das diferentes proxeccións haberá actividades formativas, coas sesións de 'Lindes' onde se desenvolverá o taller 'Creación audiovisual con dispositivos fáciles'. Con todo, outros dos eixos desta edición será a programación para escolares e familias, coa MICEscola e MICE Petís e, entre as actividades paralelas, destaca a exposición 'Da túa man para a miña', de Fran Rodríguez Casal, e a proxección de 'Os espazos en branco', de Bruno Arias.

Este ano, nese camiño por alcanzar a maior accesibilidade posible, contarán con varias proxeccións con subtítulos específicos para persoas xordas. Todas as actividades son gratis e desenvolveranse no Museo do Pobo Galego, no Teatro Principal, no Salón Teatro e en Numax. A lista de actos e a información para adquirir as entradas xa está dispoñible na páxina web do festival.

Presentación da decimonovena edición da MICE
Presentación da decimonovena edición da MICE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta