Louzán, novamente ante a Fiscalía

A nova presidenta da Deputación de Pontevedra leva aos tribunais as posibles irregularidades do ex presidente durante o seu mandato na xestión de proxectos europeos. GC xa publicara as críticas e usos dos cartos da UE, entre eles, para medios de comunicación.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 13/09/2015 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O ex presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, pode ter que volver visitar os tribunais. A nova presidenta deste organismo, Carmela Silva, anunciou que o denunciará ante a Fiscalía por posibles irregularidades na xestión de proxectos europeos por valor de máis de 35 millóns de euros.

Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra
Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra | Fonte: PV

"Eu non vou á asumir ningunha xestión irregular de ninguén", advertiu a presidenta ao suliñar que se tratan de actuacións que recibiron fondos europeos dos que hai que render contas tanto á Unión Europea como a outras institucións.

Trátase dos proxectos Pousadas do Salnés, DepuTrans, DepoTic e DepoGap, que suman máis de 35 millóns de euros de financiamento. Carmela Silva puxo como exemplo o caso de Pousadas do Salnés, unha rede de establecementos hostaleiros públicos (agora subcontratados), propiedade da Deputación. Este plan recibiu fondos europeos por 6 millóns de euros, pero finalmente a institución provincial gastou 14 millóns de recursos propios.

"Obrigouse a modificar créditos nos orzamentos para facer fronte á mala xestión e previsión", indicou Silva, que citou os demais proxectos dos que sospeitan, como Deputrans, un proxecto de depuradoras para municipios rurais.

Tamén apuntou a DepoGap, un sistema para auditar e inventariar os activos da Deputación a través de medios electrónicos, adxudicado este mesmo febreiro por 6,5 millóns a unha UTE entre Indra, Altia Consultores, e R Cable; e DepoTic, con 11 millóns de fondos europeos para potenciar o uso das novas tecnoloxías da información.

"As irregularidades en pagos incumben a recoñecementos extraxudiciais de facturas de forma continua, á marxe da correcta tramitación", precisou Silva.

GC xa publicara que Louzán estaba a utilizar cartos da UE para pagar publicidade nos medios de comunciación. Tamén o entón deputado provincial do PSOE, José Antonio Cacabelos,  xa cualificara este proxecto como "o Gaiás do Salnés" e denunciara que o orzamento inicial do proxecto, de 9,6 millóns de euros, inflouse tras sucesivas modificacións técnicas até os 15.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta