Mariñeiros galegos no Índico temen o repunte de ataques piratas se finaliza a 'Operación Atalanta'

Ante o aumento de acción terroristas e secuestros no mar de Arabia e as accións piratas desde Somalia, toda a frota pesqueira con tripulacións galegas no Índico teme que os países da UE con buques das súas armadas desmantelen a 'Operación Atalanta'. A protección dos buques de guerra europeos e a seguridade privada abordo dos pesqueiros ofrecen até o de agora a protección necesaria fronte as abordaxes e secuestros por parte de piratas, maiormente somalís.

Por Moncho Mariño | Santiago | 20/03/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O fenómeno da pirataría marítima era algo case esquecido na segunda metade do século XX, agás en zonas como o Sueste Asiático, onde aínda era frecuente. Mais a partir dos anos 90 do século pasado e inicios do século XXI, a parte Occidental do Océano Índico e sobre todo a costa do chamado Corno de África, viviu unha “resurrección” das accións piratas logo de que Somalia acabase converténdose nun “estado fracasado” e diferentes milicias e mafias visen na abordaxe de barcos unha fonte de ingresos. Ademais, eses ingresos serven para manter os “señores da guerra” naquela área. Mais hoxe en día son as acción terroristas (secuestros de mercantes) as que chaman a atención das grandes potencias occidentais. Aínda así, a finais deste 2024 está prevista a finalización da 'Operación Atalanta' que ten como obxectivo combater a pirataría contra mercantes e pesqueiros. Auspiciada pola ONU en 2008 para protexer tamén os buques do Programa Internacional de Alimentos, foron os secuestros de barcos (caso do 'Alakrana' ou 'Vega5') o movemento definitivo para que mesmo España enviase buques da Armada para a protección dos barcos civís xunto coa contratación de servizos privados de seguridade que ían abordo dos pesqueiros. Agora, asociacións de armadores e outras organizacións reclaman a continuidade dun operativo que garante seguridade e estabilidade na área do Índico Occidental.

Arquivo - Imaxe da fragata Álvaro de Bazán. ARMADA - Arquivo
Arquivo - Imaxe da fragata Álvaro de Bazán. ARMADA - Arquivo

UN ESCUDO PROTECTOR
As raíces da pirataría na área do Corno de África están no desmantelamento de Somalia como estado, a súa división en territorios gobernados por 'señores da guerra' e a necesidade destes de buscar vías de fornecemento para as súas economías de guerra mediante o roubo, o secuestro e a chantaxe. Tras os sucesos de pesqueiros como o 'Alakrana', que levaba mariñeiros galegos a bordo e que foron testemuñas do secuestro de cargueiros, a ONU decide que é o momento de poñer límites a estas actuacións.

No momento de escribir esta reportaxe no Índico traballan 20 atuneiros segundo Julio Morón secretario xerente da  Organización de Productores Asociados de Grandes Atuneros Congeladores (OPAGAC). Cada un destes barcos leva un equipo de vixilancia e seguridade adestrado para empregar a forza se fose necesario. “Realmente acaban converténdose noutro equipo da tripulación” afirma Morón. Á parte disto, a Forza Naval da Unión Europea (EUNAVFOR) despraza até a área entre catro e sete buques e entre dous ou catro avións de patrullaxe marítima.

Con todo, a incorporación de seguridade privada supón un custe engadido para as empresas armadoras dos atuneiros e outros buques que pescan con outras artes. Sobre este punto, o secretario xeral da Confederación Española de Pesca (CEPESCA), Javier Garat, di non saber cal é a media de gasto para unha armadora contratar os servizos dunha empresa de seguridade especializada. O mesmo descoñecemento manifesta Julio Morón.

A actual inestabilidade na zona con secuestros de buques mercantes logo da invasión de Gaza por Israel, reforzan a petición das empresas armadoras diante do Ministerio de Defensa para solicitar a continuidade da Operación Atalanta. “Pedímoslle á ministra Margarita Robles que fale cos seus colegas europeos da necesidade e importancia de dar protección aos barcos pesqueiros desprazados no Índico", apunta Garat.

O Vega 5, secuestrado no Índico
O Vega 5, secuestrado no Índico

COMO ACTÚAN OS PIRATAS?
Segundo os informes da Indian Ocean Tuna Comission (Comisión para a pesca do atún no Océano Índico) (IOTC) os índices de ataques a barcos mercantes e de pesca desde 2008 foron diminuíndo, aínda que tras os acontecementos de Gaza e as accións de rebeldes iemenís, o número de accións de pirataría volveron subir.

“Para manternos seguros xa nin nos achegamos ás 200 millas exclusivas de Somalia e tampouco se pesca no norte do Mar Arábigo” apunta Julio Morón. Aínda así, a primeira documentación aportada pola IOTC indica que “a Operación Atalanta foi un éxito mais agora desde finais do ano pasado pasamos a ter 73 tripulantes secuestrados fronte aos 71 en 2022 e de 115 incidentes nese mesmo ano, en 2023 tivemos 120” di Javier Garat.

Durante a década dos 80 do século XX, os atuneiros europeos, sobre todo vascos e algún galego, tomaron como porto base as Illas Seychelles. O desprazamento de material de seguridade para a protección dos barcos propiedade de armadoras españolas debe realizarse cun acordo entre España e Seychelles.

Os piratas van nuns barcos nodriza de onde saen os esquifes con xente que moitas veces non ten idea de navegación, moitos acaban perdéndose no mar” explica Morón. “No caso de chegaren a abordar un pesqueiro tanto a tripulación como o equipo de seguridade péchanse nunha zona do barco” describe Garat. Se é posible, o pesqueiro comunicarase cos buques da Atalanta mediante o sistema operativo habilitado para esta misión. Ademais de buques da Unión Europea tamén participan outros países da OTAN e hai representación de nacións como Corea do Sur ou Colombia.

A necesidade de que Atalanta continúe queda reflectida na importancia para a economía pesqueira da UE fóra das súas augas, para a protección dos mercantes con materias esenciais para os mercados europeo e norteamericano. As empresas armadoras e outros interesados esperan unha resposta na maior brevidade posible por parte da UE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta