Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 12/03/2024 | Actualizada ás 15:55
Adif informa de que o tráfico ferroviario entre Taboadela e Ourense verase interrompido entre as 7.00 horas deste sábado, 16 de marzo, e as 23.59 horas do domingo, 17 de marzo, para avanzar nas obras da variante exterior de alta velocidade. Esta actuación provocará desprazamentos por estrada entre A Gudiña e Ourense en case unha trintena de trens do AVE na liña que une Galicia con Madrid.
Segundo indica Adif Alta Velocidade nun comunicado, con estes traballos realizaranse actuacións para a súa conexión coa rede convencional e nas súas drenaxes. En concreto, realizará o axuste e adaptación dos sistemas de electrificación no punto no que este trazado de alta velocidade conecta coa rede ferroviaria convencional.
Ademais, renovará a drenaxe transversal da liña convencional, co levantamento da vía (balasto, travesas e carril) para instalar o novo sistema e volver colocala. "Estas actuacións non son compatibles coa circulación eses días, o que obrigan á suspensión do tráfico entre Ourense e Taboadela", explica Adif, polo que empresa ferroviaria despregou un plan alternativo de transporte para garantir a mobilidade dos cidadáns.
VARIANTE
As obras dos 8 quilómetros da variante de alta velocidade contan cun investimento de 125,5 millóns de euros por parte de Adif. No trazado entre Taboadela e o túnel de Rante (5,6 quilómetros) realízase a escavación do túnel que, con 3,4 quilómetros, representa o 61 % da lonxitude total deste subtramo. Así mesmo, aborda a construción do maior viaduto, o do río Mesón de Calvos (387 metros).
No tramo entre o túnel de Rante e a conexión Seixalbo (2,3 quilómetros) completouse a montaxe do taboleiro dun dos maiores viadutos da liña, o que sortea a estrada OU-525 e o río Barbaña (356 metros). Ademais, avánzase na canalización do río Seixalbo baixo a liña de alta velocidade e a convencional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.