Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2024 | Actualizada ás 18:01
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, referiuse este martes ao informe presentado pola Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais que sinala que no ano 2023 Galicia atendeu a 5.588 novos dependentes, un 8,21% máis, superando a media estatal do 7,49%. "Avanzamos bastante, especialmente neste último ano", indicou Alfonso Rueda, quen, en declaracións aos medios este martes, engadiu que "hai que seguir por ese camiño de esforzo".
Este informe tamén apunta que, proporcionalmente, en Galicia tamén hai menos persoas coa dependencia xa recoñecida pero á espera de recibir prestación, con 3.537, case 2.300 menos que sitúan a taxa no 4,68%, fronte ao 11,44% de España.
"Reducimos en Galicia os tempos de espera para poder ser valorados, incrementamos a contía das axudas por dependencia, o ano pasado atendéronse a cinco mil dependentes máis. Case un 98%, dos cocientes máis altas de España, de xente que ten recoñecida dependencia, está atendidas xa", apuntou o presidente da Xunta.
Rueda manifestou que estes datos que publica este informe "queren dicir que fixemos un esforzo importante nestes últimos anos, os últimos tres anos especialmente", pero tamén indican, engadiu, "que queda esforzo por facer".
REDUCIR OS TEMPOS DE VALORACIÓN
"Eu aspiro a achegarme ás comunidades de excelencia, tamén na atención á dependencia", dixo o titular do executivo galego lembrando que "teñen o compromiso de reducir os tempos de valoración". Ademais, lembrou que desde o mes de xaneiro está activo o Bono Coidado para as persoas dependentes que queren estar na súa casa e non queren acudir nunha residencia. "Creo que con ese tipo de medidas temos que seguir e para iso fai falta tamén unha boa saúde financeira", afirmou Alfonso Rueda "e para iso tamén faría falta que todas as administracións cumprísemos as nosas obrigacións de achega".
Segundo lembrou o presidente da Xunta, a Lei de Dependencia recolle que o 50% correspóndelle á Administración Xeral do Estado pero "non está a pagar", xa que "está en ao redor do 35%", co que "se asumise e cumprise coa obrigación do 15%, máis todo o que debe dos anos anteriores, probablemente poderíase ir aínda máis rápido".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.