Contas recrimina o "baixo nivel de cumprimento" das uninversidades no envío de información sobre contratos

Así se desprende dun documento que analiza como comunican a súa información contractual un total de 89 órganos autonómicos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2024 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia

O Consello de Contas publicou este mércores un informe no que reprocha ao sistema universitario galego o seu "baixo nivel de cumprimento" coa súa obrigación de remitirlle información sobre contratos formalizados entre 2021 e 2022. De feito, destaca que a Universidade de Vigo (UVigo) non o fixo en ningún destes dous anos.

Así se desprende dun documento que analiza como comunican a súa información contractual un total de 89 órganos autonómicos. De todos eles, Contas considera que 53 --case o 60%-- cumpriron "correctamente" con esta obrigación, mentres que outras 36 --en torno ao 40%-- non o fixeron (27) ou o fixeron de forma insuficiente (12).

De acordo co documento do Consello de Contas, a análise incluíu a "todo o sector público autonómico que está obrigado" a inscribir no Rexistro de Contratos do Sector Público Autonómico de Galicia (RCSPAG) a información básica dos seus contratos e a outras entidades que non están obrigadas a empregar o RCSPAG, como as universidades, entre outras.

Con todo, hai determinadas entidades do sector público autonómico que, segundo figura neste informe, non remitiron a información contractual ou o fixeron de forma deficiente. En canto ao sistema universitario, Contas dedica un parágrafo das súas conclusións a apuntar o "baixo nivel de cumprimento" das súas entidades.

Das 17 que conforman a listaxe, a gran maioría (12) non informaron e outra --a Fundación Rof Codina-- fíxoo de maneira incompleta. Así mesmo, cabe mencionar que a UVigo non remitiu en prazo ningún contrato nos exercicios 2021-2022. Aínda que si o fixo posteriormente, despois de que llo requirise, pero Contas non considera cumprida esta obrigación se non se fixo a tempo.

Comprobada esta falta de información, Contas enviou un requirimento ás 12 entidades incumplidoras para solicitarlles a información. De todas elas, houbo cinco que remitiron posteriormente a relación de contratos: a UVigo, a súa fundación, o Consorcio para ou Desenvolvemento de Aplicacións de Xestión Universitaria (Cixug), a Fundacion Universidade de Santiago de Compostela, Cidade Universitaria SA (Vigo) e Cidade Tecnolóxica de Vigo SA.

Houbo outras catro entidades que responderon cunha certificación negativa, é dicir, confirmaron que entre 2021 e 2022 non formalizaron contratos que tivesen que remitir a Contas. Foron o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), a Fundación de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal, a Fundación Dieta Atlántica e a Sociedade Xestora de Intereses USC SL (Unixest).

As únicas dúas que rexeitaron a notificación enviada por Contas foron Cursos Internacionais Universidade Santiago de Compostela SA e a Sociedade Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras SL (Uninova), tamén de Santiago.



Sede do Consello de Contas de Galicia / Xunta / Europa Press
Sede do Consello de Contas de Galicia / Xunta / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta