Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2024 | Actualizada ás 18:26
O goberno do Concello de Melide, composto por Adiante Melide e BNG, xunto ao grupo local do PSdeG manifestaron o seu rexeitamento "total e firme" ao proxecto de Altri no municipio veciño de Palas de Rei.
Nun comunicado conxunto remitido aos medios este venres, o executivo local e o PSOE de Melide expresan a súa oposición ao "megaproxecto industrial de celulosa" da multinacional portuguesa ante o "impacto que pode ter na saúde das persoas, afectacións ao Camiño de Santiago, impacto ambiental e visual, etc.". Aseguran que chegan a esta postura despois da análise "rigorosa" do plan definitivo de Altri, que presenta "grandes diferenzas" respecto do investimento inicial presentado pola empresa hai tres anos.
Neste sentido, apuntan que o proxecto "cambia a actividade principal do negocio" para pasar a "centrarse" na produción de pasta de celulosa e "redúcense drasticamente os postos de traballo prometidos" ao pasar "de 2.500 estimados a unha cifra inferior aos 500".
Así mesmo, tamén expresan a súa preocupación polo "impacto ambiental estimado" que contempla o proxecto defintivo, que "consumirá 1,2 millóns de toneladas de eucalipto ao ano e 46.000 cúbicos de auga".
Así as cousas, expresan o seu "total e firme rexeitamento" ao "megaproxecto" industrial que terá a Melide como un dos territorios "máis afectados" pola súa proximidade á zona onde se prevé levantar".
Por todo isto, o goberno local considera "de interese estratéxico adoptar unha posición decidida na defensa dos intereses dos melidenses", polo que avanza que presentará alegacións ao proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.