Desautorizada a construción de dous parques eólicos tras a súa declaración de impacto ambiental desfavorable

O complexo eólico de Vaqueira, en Outes, e o de Tramontana (en Baltar, Cualedro e Xinzo de Limia), quedan denegados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2024 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación publicou este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) o arquivo de dous expedientes para a construción de parques eólicos tras a súa declaración de impacto ambiental desfavorable.

En concreto, a Xunta denegou a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións de parque eólico Vaqueira, que pretendía situarse no concello coruñés de Outes e era promovido por Greenalia Wind Power. Todo iso tras recibir unha declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático.

Desta maneira, tamén se cancela a garantía depositada por Greenalia, por importe de 126.000 euros, para garantir o cumprimento das súas obrigacións no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico.

Situación similar ocorreu co parque eólico Tramontana, que pretendía instalarse nos municipios ourensáns de Baltar, Cualedro e Xinzo de Limia. Estaba promovido por PE Tramontana, pero tamén obtivo unha declaración de impacto ambiental desfavorable.
Por iso, cancelouse a garantía depositada pola compañía, que ascendía a máis de 1,05 millóns de euros.

Renovables-parques eólicos
Renovables-parques eólicos | Fonte: EUROPA PRESS - IBERDROLA - Arquivo

Esta situación foi celebrada pola plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova, quen lembrou que foron centos os veciños que se mobilizaron para frear este proxecto, lembrando a existencia de humidais na zona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta