Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2024 | Actualizada ás 17:47
O Concello de Pontevedra presentou este mércores a vixésima edición do ciclo Jazz non Principal, coa súa fórmula de éxito que combina a música en directo, a profesionalización, o talento emerxente e a formación aberta a toda a cidade.
A programación inclúe para o sábado 6 de abril a actuación de Joan Terol e a banda de acompañamento do Seminario Permanente de Jazz, conformada por Alberto Rodríguez, Javier Abraldes, Daniel Curral e Paco Charlín. O 20 de abril, será a quenda de Gorka Benítez, acompañado por Helena Pardo, Luís Felipe Fernández, Fernando Branco, Mauro Tissone, Jorge Ruiloba, Lolo Martínez e Alberto López.
Organizaranse dous talleres na mesma xornada que os concertos, ofrecidos por Terol e Benítez, no antigo conservatorio e sede do Seminario Permanente de Jazz, cunha entrada libre para todo aquel que queira acudir, entre as 11.00 e as 14.00 horas. Entregarase un diploma acreditativo a todos os asistentes. O ciclo Jazz non Principal está promovido polo Seminario Permanente de Jazz, en colaboración co Concello.
A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, dixo que esta actividade resulta "especialmente gratificante" o goberno local xa que se trata de "un ciclo clásico, que representa moi ben o espírito da Boa Vila, esa maneira de entender a cultura e a música, crear novas sinerxías e aproveitar as potencialidades que temos nesta cidade".
Vilaverde destacou que o que fai "único" a este evento é que compaxina concertos con músicos consagrados co acompañamento do alumnado que se forma no Seminario Permanente de Jazz. Esta entidade, engadiu, "funciona como a principal canteira deste xénero musical no país e de novos valores", polo que "estamos realmente orgullosas do seu traballo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.