Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2024 | Actualizada ás 15:35
Greenfiber, do grupo portugués Altri, lanzou unha web informativa sobre a fábrica de fibras téxtiles que proxecta en Palas de Rei, chamado Gama, na que nega que vaia a producir celulosa para fabricar papel.
"Nesta planta extraerase a celulosa da madeira para producir exclusivamente fibras téxtiles e/ou fibras solubles que é a materia prima para aplicacións téxtiles", sostén nun apartado de preguntas e respostas na web.Esta páxina é unha das medidas que anunciou Greenfiber para informar os veciños despois de decidir suspender as charlas previstas en varios municipios ao rexistrarse protestas contra a planta.
Igualmente, a compañía sostén que a fábrica "non suporá ningún impacto na fauna nin a flora local", ademais de que se nutrirá de eucalipto "excedentario", polo que "non será necesario incrementar" a superficie desta especie.
Así mesmo, expón que a fábrica está deseñada para chegar a producir anualmente un máximo de 400.000 toneladas de fibras solubles "que é a materia prima para aplicacións téxtiles, das cales 200.000 toneladas serán destinadas directamente a produción de Lyocell e/ou outras fibras téxtiles". "O obxectivo é que no futuro se poida integrar a totalidade das fibras solubles en produción de Lyocell. Parte desta ampliación pode ser feita a partir de procesos de reciclaxe de tecidos téxtiles a incorporar no proceso produtivo xa existente", agrega.
De tal forma, aclara que unha parte da produción que non se destine a lyocell venderase fóra de Galicia "á industria de produción de fibras téxtiles sustentables de características similares" a esta. No tocante a expropiacións, a compañía prevé negociar cos propietarios afectados sen necesidade de recorrer a expropiar.
Todo iso nun proxecto cun investimento superior a 850 millóns, onde espera un apoio do Goberno central en torno ao 25% e co que existen "conversacións directas neste sentido".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.