Galicia súmase as protestas globais contra o tratado de libre comercio

Este sábado Vigo acollerá unha manifestación contra os tratados de libre comercio. A marcha, que partirá ás 20h desde a Praza da Independencia, ten por lema "Comercio en beneficio do pobo, non das multinacionais". No eido político, a protesta está apoiada por BNG, ANOVA, Podemos e Esquerda Unida. Os concellos de Santiago, Nigrán e Gondomar xa se prononciaron en contra dun deles, o polémico TTIP entre Bruxelas e os Estados Unidos de América.

Por Galicia Confidencial | Vigo / Santiago | 09/10/2015 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A marcha do sábado insírese dentro dunha campaña internacional de rexeitamento a acordos de libre comercio como o que actualmente están a negociar os EUA e a Unión Europea (TTIP). A mobilización está convocada pola Plataforma Non ao TTIP, integrada por colectivos sociais, forzas políticas e sindicatos, da que, entre as forzas políticas galegas, forman parte o BNG, ANOVA, Podemos e Esquerda Unida.

A Asociación Amigos da Terra desprega un cabalo de Troya inflábel en Vigo para protestar contra o tratado TTIP
A Asociación Amigos da Terra desprega un cabalo de Troya inflábel en Vigo para protestar contra o tratado TTIP | Fonte: ilcanallarubens.wordpress.com

Esta nova mobilización terá lugar simultáneamente en diferentes cidades de distintos países do mundo, nas que a cidadanía sairá á rúa para rexeitar este acordos comerciais e en prol da igualdade, os dereitos sociais e laborais, a defensa ambiental e a democracia real.

Desde o Bloque Nacionalista Galego fan un chamado ao conxunto da veciñanza de Vigo e da súa área, a participar masivamente nesta manifestación. O Bloque reitera a súa oposición a estes "acordos transnacionais ao xulgar que só benefician ás grandes corporacións empresariais e financeiras, afectando moi negativamente ao tecido produtivo propio de cada territorio". Aliás, a fronte nacionalista denuncia que o TTIP é moito máis que un acordo comercial, e que de se aprobar suporá un duro recorte en dereitos sociais e laborais e profundará na privatización dos servizos públicos "liberalizándoos" para que o grande capital faga negocio con eles.

Dende Alternativa Galega de Esquerdas denunciaron no Parlamento Europeo que a "Unión Europea e os Estados Unidos están negociando un grande nivel de transferencia de soberanía dos pobos ás grandes corporacións transnacionais". "Estamos diante dun acordo que ataca a democracia", advertiu a eurodeputada galega de AGE Lidia Senra, "que ataca o principio de precaución, os servizos públicos, os dereitos laborais, as pequenas e medianas explotacións agrarias, as pequenas e medianas empresas, e que aparta aos produtores e produtoras dos seus mercados locais e de proximidade".

Os convocantes da protesta do sábado alertan de que o TTIP, que se está a negociar de "maneira secreta e antidemocrática, suporá colocar ao mercado, o lucro empresarial e financeiro, por acima da soberanía dos Estados, que verán limitada a súa capacidade de lexislar para non prexudicar os intereses económicos das grandes transnacionais". sinalou Lídia Senra.

Varios concellos xa declararon a súa oposición a este tratado. O último deles Santiago, grazas a un acordo entre Compostela Aberta e o Bloque. Gondomar e Nigrán tamén se posicionaron en contra do polémico documento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta