Coren estrea unha nova 'Food Truck' para a tempada de festivais

A pasada primavera, o Grupo Coren puxo en marcha un camión de comida acondicionado como escaparate dos seus produtos para participar en festivais e outros eventos de Galicia. A iniciativa tivo moi boa acollida e este ano sumará a ese tráiler, unha segunda 'food truck'.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 30/04/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A pasada primavera, o Grupo Coren puxo en marcha a súa “food truck”, un camión de comida acondicionado como escaparate dos produtos Coren e destinado á participación en festivais e todo tipo de eventos. Ante a boa acollida da oferta gastronómica durante o primeiro ano, a cooperativa presidida por Manuel Gómez-Franqueira reforza agora esta liña de negocio e arrinca unha segunda tempada cunha ambiciosa proposta que consolida a Coren como un referente entre o público deste tipo de eventos.

Food Truck e camión de comida que asistirán a festivais este 2024. Foto: Grupo Coren.
Food Truck e camión de comida que asistirán a festivais este 2024. Foto: Grupo Coren.

Nesta nova tempada, a cooperativa mantén en roteiro o gran tráiler de 50 metros cadrados que puxo en marcha o pasado ano, ao que suma unha segunda “food truck”. Trátase dunha furgoneta de 10 metros cadrados, cuxas dimensións máis reducidas permite gañar presenza en festivais e eventos máis pequenos. Ambos os vehículos contan con moderno deseño que pon o protagonismo na súa gama de porco alimentado con castañas --“O de Castañas”-- e transmite os valores da cooperativa, baseados no benestar animal, o respecto ao medio ambiente e a máxima calidade.

ESTREA DA NOVA 'FOOD TRUCK' E CALENDARIO DE FESTIVAIS

Os camións de comida de Coren póñense en marcha esta fin de semana coa presenza no FIV de Villalba e o Outopía Festival de Ourense. Este último, en Expourense, supón a estrea da nova food truck.

Nos próximos meses, acudirán a outros moitos eventos, reforzando a súa presenza nos principais festivais de Galicia e ampliando a súa participación a outras citas do territorio nacional como o Negrita Music Festival de Salamanca (3-4 de maio), Barcelona (7-9 de xuño) ou Santander (30-31 de agosto), o Toledo Beat (10-11 de maio), o Reggaeton Beach Festival de Avilés (27-28 de xullo) ou o Rocanrola de Alacante (10-12 de outubro).

Algúns dos festivais do calendario galego no que estarán: O Son do Camiño en Santiago (30 de maio-1 de xuño), o Resurrection Fest de Viveiro (26-29 xuño), o Morriña Fest de Coruña (26-27 xullo), o Festival da Luz de Boimorto (24 e 25 de agosto), o Revenidas de Vilagarcía (12-15 de setembro) ou o Caudal Fest de Lugo (20- 21 setembro). Ao longo da tempada, as food trucks de Coren estarán presentes en case unha trintena de festivais, nos que se estima unha asistencia que rolda os dous millóns de persoas.

PRODUTO ESTRELA: O XAMÓN DE CASTAÑAS

A oferta gastronómica das food trucks de Coren estará protagonizada tamén nesta ocasión polo Xamón de Castañas, procedente de porcos criados de modo tradicional en Galicia e alimentados con castañas. Os asistentes atoparán nelas unha ampla variedade de bocadillos de xamón en diversas presentacións, entre outros produtos da cooperativa, que son todo un éxito entre os asistentes a este tipo de eventos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta