Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/05/2024 | Actualizada ás 21:00
Eres traballador? Imaxina o teu futuro. A que idade cres que te poderás xubilar? Aos 65? Aos 67? Aos 70? A cousa non semella sinxela de cara ao futuro próximo, pois nunha sociedade onde cada vez se alonga máis a esperanza de vida e nacen menos nenos, sumida nunha fonda crise demográfica, soportar o peso das pensións nas arcas do Estado non é tarefa fácil, de tal maneira que se o groso da poboación está agora entre os 35 e os 50 anos, todo leva a pensar que nun futuro o groso poboacional estará en persoas de entre 50 e 65 anos ou máis, que, de xubilarse aos 65, suporían un gran gasto para o resto dos traballadores, que terían que garantir as súas pensións. Poderase seguir mantendo o sistema de pensións actual? De ser así, a pregunta sería: ata cando?
Neste ano 2024 a idade de xubilación ordinaria retrásase. Tal e como recolle a Lei 27/2011, do 1 de agosto, a idade ordinaria de xubilación neste ano será de 66 anos e 6 meses para as persoas que non chegaron aos 38 anos cotizados e de 65 anos para aquelas que si cotizaron 38 ou máis anos. Para 2027 prevese que a idade ordinaria se eleve ata os 67 anos, cifra límite que, polo de agora, contempla a normativa. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), a taxa de actividade da poboación de máis de 16 anos no 2022 era do 52,9 % (se se acotaba á poboación de 16 a 64 anos era do 73,8 %), pero as previsións do mesmo organismo apuntan a que será do 50,4 % no ano 2036 se falamos de actividade da poboación de 16 anos e máis (ou ao 74,1 % se acotamos a entre os 16 e os 64 anos).
Centrándonos agora na dispersión da taxa de actividade ao longo da pirámide poboacional, podemos observar como o groso se atopa na poboación de entre 45 a 54 anos, onde hai un 15,58 % do total de homes en activo e un 14,87 % de mulleres. Síguelle o grupo de 35 a 44 anos, onde hai un 13,57 % de homes dentro da poboación activa e un 13,26 % de mulleres. E, en terceiro lugar estaría o grupo de 55 a 65 anos, cun 10,10 % de homes e un 9,63 % de mulleres. Se miramos as previsións do IGE, de cara ao ano 2030 a poboación activa no grupo de 55 a 64 anos aumentará ata un 11,48 % de homes (+1,38 puntos porcentuais) e un 11,68 % de mulleres (+2,05 puntos); tamén crecendo nun dos sexos o grupo de 45 a 54 anos, cun 14,82 % de homes (-0,79 puntos) e un 14,99 % de mulleres (+0,12 puntos). Pola contra, o grupo de 35 a 44 anos reducirase, baixando ata un 10,65 % de homes (-2,92 puntos) e un 10,59 % de mulleres (-2,67 puntos).
Avanzando xa ata o 2036, a situación que se presenta non é nada alentadora. O grupo poboacional con maior aporte á poboación activa, sempre segundo as previsións do IGE, será o de 55 a 64 anos, que contará cun 12,33 % de homes (+2,23 puntos porcentuais sobre o dato de 2022) e cun 12,70 % de mulleres (+3,07 puntos). O grupo de 45 a 54 anos sería o segundo con máis crecemento, aínda sen chegar aos datos do de 55 a 64, cun 12,28 % de homes (-3,3 puntos sobre o dato de 2022) e cun 12,67 % de mulleres (-2,2 puntos). Pola contra, o grupo de 35 a 44 anos seguiría baixando, esborrallándose ata o 10,49 % de homes (-3,08 puntos sobre o dato de 2022) e o 10,46 % de mulleres (-2,8 puntos). E é que poboación que agora mesmo ten 43 anos e entra nese grupo de poboación entre os 35 e os 44 anos, no 2036 terá xa 55, pasando a formar parte do grupo de 55 a 64 anos. Ao non haber moitos novos que veñan por detrás, a pirámide poboacional, neste caso de poboación activa, tende a engrosarse polo pico.
Entón, que pasará de cara ao 2036 cos maiores de 65 ou máis anos? Haberá máis xente que agora mesmo se considera en idade de xubilación que seguirá en activo no futuro? Segundo o Instituto Galego de Estatística, así é. Se no 2022 o grupo de 65 ou máis anos dentro da poboación activa aportaba un 0,85 % de homes e un 0,73 % de mulleres; no 2030 prevese que suba ata un 1,53 % en homes (+0,68 puntos porcentuais) e un 1,48 % en mulleres (+0,75 puntos); e xa para 2036 faríao ata un 2,30 % (+1,45 puntos sobre o dato de 2022) en homes e un 2,34 % (+1,61 puntos sobre o dato de 2022) en mulleres.
COMO ESTÁN AS IDADES DE XUBILACIÓN NOUTROS PAÍSES DE EUROPA?
Se en España actualmente tendo menos de 38 anos cotizados a idade de xubilación se sitúa na actualidade nos 66 anos e 6 meses (e prevese que sexa de 67 anos no 2027), como está a cousa nos nosos veciños europeos? Aquí cómpre ter en conta que non todos os países teñen a mesma idade de xubilación para homes que para mulleres. Así, por exemplo, Austria, Croacia, Finlandia, Lituania, Polonia, Romanía e Suecia diferencian idades de xubilación de homes das de mulleres. Deste xeito, as mulleres poderían xubilarse por debaixo dos 66 anos e 6 meses de España en Austria (aos 60), Croacia (63), Lituania (63 anos e 8 meses), Polonia (60), Romanía (61 anos e 9-11 meses), Finlandia (65) e Suecia (65).
Pola súa banda, tanto homes como mulleres poderían xubilarse antes dos 66 anos e 6 meses en Bélxica (65), Chipre (65), República Checa (63 anos e 10 meses); Estonia (64 anos e 3 meses), Francia (62), Alemaña (65 anos e 10 meses), Hungría (65), Irlanda (66), Letonia (64 anos e 3 meses), Luxemburgo (65), Malta (63), Eslovaquia (62 anos e 10 meses) e Eslovenia (65). E se eres home tamén poderás xubilarte antes que en España en Austria (aos 65), Croacia (65), Finlandia (64), Lituania (64 anos e 4 meses), Polonia (65) e Suecia (62). Pola contra, só terías que traballar máis anos ata a xubilación en Bulgaria (66 anos e 10 meses), Dinamarca (67), Grecia (67), Italia (67), Países Baixos (66 anos e 7 meses) e Portugal (66 anos e 7 meses).
De cara ao futuro, ao igual que España pretende impor a idade de xubilación aos 67 anos no 2027, tamén hai outros países de Europa que teñen estipuladas subas: Bélxica prevé pasar dos actuais 65 aos 67 de cara a 2030; Dinamarca fala de pasar dos 67 aos 68 en 2030; Estonia subiría dos 64 anos e 3 meses aos 65 en 2027; Finlandia pasaría dos 64 anos para os homes aos 67 en 2030; Alemania pasaría dos 65 anos e 10 meses aos 67; Irlanda pasaría dos 66 aos 67 no 2030; Letonia subiría dos 64 anos e 3 meses aos 65 no 2025; Lituania pasaría dos 64 anos e 4 meses dos homes aos 65 no 2026; Malta chegaría dos 63 aos 65 no 2027; Países Baixos faríao dos 66 anos e 7 meses aos 67 no 2025; Romanía subiría a idade de xubilación das mulleres dos 61 anos e 9-11 meses aos 63 no 2030; e Eslovaquia pasaría dos 62 anos e 10 meses aos 64 no 2030. Estes son só algúns exemplos, pero habería máis.
Noutros países do mundo as diferenzas tamén son notorias. En Arabia Saudí, por exemplo, a idade de xubilación está nos 47 anos, é o país do mundo coa idade máis baixa. Seguiríalle Turquía, onde os homes poden xubilarse aos 52 anos e as mulleres aos 49. En China a idade media de xubilación para os homes é de 60 anos e para as mulleres de 55. En Rusia os homes poden xubilarse aos 61 anos e 6 meses e as mulleres aos 56 anos e 6 meses. Igual acontece en Colombia e Brasil, onde as idades de xubilación tamén están nos 62 anos para os homes e nos 57 para as mulleres. En Indonesia a idade mínima de xubilación para ambos sexos está nos 57 anos. Na India sitúase nos 58. En Costa Rica os homes poden xubilarse aos 62 anos e as mulleres aos 60.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.