Reaccións 1º de maio.- Besteiro esixe á Xunta que poña "as pilas" para "non perder oportunidades" en emprego

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/05/2024 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou este mércores ao goberno da Xunta "que se poña as pilas" para que Galicia "non perda oportunidades", especialmente en materia industrial e de emprego. Así o expresou en declaracións aos medios antes de participar na manifestación convocada por CC.OO. e UXT en Lugo con motivo do 1 de Maio, e recalcou que este día é momento de "reivindicación" e tamén de lembrar os "principios, obxectivos e logros" dos socialistas, entre os que sinalou a mellora do SMI ou a revalorización das pensións.

Gómez Besteiro denunciou que Galicia crece menos que o resto de España, "case un 30 % menos no último ano"; ten unha actividade "seis punto por baixo da media estatal"; e "nos últimos 15 anos perdeu case 70.000 empregos industrial", fronte ao crecemento de 700.000 empregos industriais a nivel nacional.

"Pedimos que non se perdan oportunidades, que se poñan as pilas en materia de emprego e en materia de industria tamén, para conseguir máis traballos e de mellor calidade", proclamou o líder dos socialistas galegos. Así mesmo, subliñou que este primeiro de maio é momento de reivindicar "a política de igualdade da clase traballadora", para pór fin á brecha salarial que fai que as mulleres gañen case un 20 % menos que os homes por facer o mesmo traballo. "Tamén é o día da igualdade, o día de que Galicia non perda oportunidades", incidiu.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participa na mobilización do Primeiro de Maio. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participa na mobilización do Primeiro de Maio. BNG

ANA PONTÓN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu este mércores ao Goberno de España que tome medidas para derrogar as reformas laborais "lesivas" que seguen vixentes "8 anos despois" de que o PP deixase o Executivo, e que "roubaron dereitos" aos traballadores. Así o trasladou, en declaracións aos medios, antes de participar na manifestación convocada pola CIG en Vigo con motivo do 1 de Maio, e na que estivo acompañada, entre outros, pola candidata nacionalista ás eleccións europeas, Ana Miranda.

Pontón subliñou que este primeiro de maio é unha data para "reivindicar" os dereitos da clase traballadora, e que poida ter salarios dignos que lles permitan chegar a final de meses e "poder soñar" con algo tan básico como o acceso a unha vivenda. Respecto diso, destacou que a actual "crise de prezos" supón, unha vez máis, que sexan os traballadores os que asuman as consecuencias, como xa ocorreu anteriormente, por exemplo, na denominada 'crise do ladrillo'. Neste contexto, Ana Pontón reclamou aos gobernos "alternativas e decisións políticas que permitan mellorar a vida das persoas". Segundo incidiu, 8 anos despois de que o PP deixase de gobernar en España, "segue vixente parte das súas reformas laborais lesivas", polo que pediu derrogar todas esas reformas "que roubaron dereitos aos traballadores".

Lamentou que "o certo é que a día de hoxe moitos traballadores e traballadoras ven como os gobernos non lles dan resposta ante unha realidade que nas súas vidas é moi dura". Nese sentido criticou a falta de "alternativas" dunha Xunta de Galicia que "non ten proxecto" nin política industrial, e que "está precarizando" as condicións de traballo, e provocando que moitos mozos sigan "collendo a maleta para emigrar".

Segundo remarcou, "lamentablemente" en Galicia o 34 % dos traballadores cobran un soldo por baixo do Salario Mínimo Interprofesional, e o 60 % dos asalariados teñen ingresos inferiores ao salario medio, que está por baixo da media estatal. A isto súmanse que "crece a contratación a tempo parcial, sobre todo en mulleres".

O PPDEG

O PPdeG reivindicou o "esforzo" dos galegos e galegas para "contribuír ao futuro de Galicia", con motivo da celebración do Día do Traballador. Fíxoo a través de redes sociais nunha xornada de mobilizacións convocadas en distintas localidades galegas polos sindicatos UXT e CCOO e CIG, con actos centrais na cidade da Coruña este ano.

O secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, na manifestación con motivo do 1 de maio, en Lugo. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, na manifestación con motivo do 1 de maio, en Lugo. PSDEG

"Celebramos o Día do Traballador recoñecendo o esforzo e dedicación que todos os galegos e galegas fan día a día", sinalan en redes sociais. "Para contribuír ao futuro de Galicia", apostila a formación popular na súa mensaxe acompañada cunha fotografía na que se pode ver a senllos operarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta