Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/05/2024 | Actualizada ás 11:39
Os viaxeiros aloxados en establecementos extrahoteleros de Galicia como cámpings, apartamentos turísticos e aloxamentos rurais, duplicáronse o pasado mes de marzo en relación ao mesmo mes do ano anterior grazas á influencia da Semana Santa.
En concreto, durante o terceiro mes do ano aloxáronse neste tipo de establecementos en Galicia 32.867 persoas, un 92% máis que nas mesmas datas de 2023. Este incremento obedece á influencia da Semana Santa, que este ano se celebrou en marzo, mentres que en 2023 foi en abril. Do total de persoas aloxadas, 26.842 eran residentes en España, o que implica un incremento do 93,5%. Os viaxeiros estranxeiros tamén aumentaron, un 87%, ata os 6.024.
Por tipo de establecemento, os que rexistraron un incremento de usuarios máis significativo foron os cámpings, que pasaron de 1.914 viaxeiros en marzo de 2023 a 6.632 este ano, un 246% máis. No entanto, diminuíron as pernoctacións, concretamente un 13% menos, ata as 10.949. No caso dos aloxamentos de turismo rural, foron utilizados por 10.897 persoas, un 81,7% máis que hai un ano. As pernoctacións, neste caso, duplicáronse, ata as 18.847. Finalmente, 15.338 viaxeiros aloxáronse en apartamentos turísticos, o que supón un 67% máis que no mesmo mes do ano anterior, e realizaron 37.657 pernoctaciones, un 46,6% máis.
Ademais de en establecementos extrahoteleros, a Semana Santa tamén tivo un efecto positivo no Camiño de Santiago. En concreto, ao longo do mes de marzo chegaron a Compostela 22.926 peregrinos, o dobre que o ano anterior. Desta cifra, máis de 13.000 chegaron só nos días de Semana Santa. Ademais, do total, 13.384 eran de orixe española e 9.534 eran estranxeiros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.