Por GC Emprende | Londres | 19/10/2015 | Actualizada ás 13:00
Indra presentou no ciclo de conferencias Maritime Reconnaissance & Surveillance celebrado recentemente en Londres a versión non tripulada do seu avión de vixilancia marítima P2006T MRI.
O director xeral de Defensa e Seguridade de Indra, José Manuel Pérez-Pujazón, aproveitou a participación de Indra no ciclo de conferencias para facer o anuncio a pasada semana. A compañía levou a cabo, dentro do proxecto denominado pola compañía como Targus, a adaptación da aeronave, que xa superou as probas de viabilidade e de demostración experimental.
Neste momento, Indra, segundo explica nun comunicado, traballa na fase de certificación e probas do sistema. A compañía explica que ofreceu á Xunta de Galicia a posibilidade de desenvolver estas actividades no centro de desenvolvemento de UAVs proxectado nas instalacións do aeródromo das Rozas en Lugo.
O obxectivo do desenvolvemento é poñer no mercado unha aeronave non tripulada a un custo moi competitivo, inferior aos seis millóns de euros por unidade. “Trátase dun sistema que ofrecerá unha autonomía de voo de 12 horas, elevada capacidade vixilancia marítima e de procura e rescate, e un custo de operación e mantemento imbatible”, afirmou o director xeral da compañía Pérez-Pujazón.
O P2006T MRI foi desenvolvido inicialmente por Indra como unha solución de vixilancia aeroportada de baixo custo baseada nun avión lixeiro tripulado. Foi desenvolvido para complementar os sistemas de vixilancia costeiros que, como o SIVE no caso español, foron despregados por diferentes países para a protección e vixilancia das súas fronteiras marítimas.
Pola súa natureza, os sistemas de vixilancia costeira ofrecen unha cobertura eficaz da zona comprendida entre a liña de costa e as 20 ou 30 millas de distancia. Con todo, os intereses económicos dos países costeiros esténdense máis aló desta distancia, ata o límite da zona marítima de exclusividade, situada a 200 millas da liña de costa ou, no seu caso, ata o punto medio que separe as costas dos dous países.
O P2006T MRI está precisamente deseñado para cubrir a vixilancia nestas zonas cun custo de operación moi reducido comparado co das aeronaves de vixilancia marítima tradicionais. A miniaturización e redución de peso dos sensores radar, infravermellos e Sistemas Automáticos de Identificación de Embarcacións (AIS) requiridos para a misión permite a súa instalación en aeronaves lixeiras, deseñadas para a aviación deportiva e de consumo baixo.
Este é o caso do P2006T MRI de Indra, que cunha autonomía de seis horas na súa versión actual –autonomía que dobrará o novo sistema non tripulado-, un consumo de 32 litros de gasolina de automoción por hora de voo e uns custos de mantemento extremadamente reducidos permite a instalación e integración a bordo dun radar de varrido electrónico Seaspray 5000E (equipo estándar da arma aérea da Royal Navy) unha cámara visible e infravermella de alta resolución, un sistema AIS, un radioenlace line of sight cun alcance eficaz de 180 millas náuticas, e un terminal inmarsat. Este terminal é capaz de transmitir en tempo real a unha estación de terra a sinal radar, vídeo visible e infravermello, datos AIS e datos de navegación do avión, de maneira que sexan monitorados desde terra en tempo real.
O P2006T MRI foi probado con éxito pola Garda Civil española e por Frontex na operación Indalo, que se desenvolve todos os veráns na costa sur española; na operación Cros Eye, desenvolvida recentemente en augas da canle de Sicilia; e nas demostracións do Sistema Perseus da Unión Europea efectuadas en augas do mar de Alborán e do Mar Exeo. O bo rendemento demostrado polo avión levou a que a axencia europea Frontex seleccionouno recentemente para empregalo nas futuras operacións de vixilancia aérea de fronteiras marítimas e terrestres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.