O futuro de Galicia sen carbón, diversificación e aproveitamento das tecnoloxías

Ricardo García Mira liderou un consorcio de catorce grupos de investigación sobre os efectos psicolóxicos e sociais que van parellos ao proceso de descarbonización. O proxecto de investigación ENTRANCES tiña como obxectivo comprender e abordar os desafíos sociais asociados coa transición enerxética en 13 rexións europeas. Unha desas áreas é As Pontes logo do peche da térmica.

Por Moncho Mariño | Santiago | 11/05/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-É a primeira vez que se abordan en estudos científicos os problemas psicolóxicos sobre os efectos dunha reforma industrial como é por exemplo, a descarbonización e as súas consecuencias?

García Mira
García Mira

Abordar os aspectos sociais da transición enerxética é unha das liñas estratéxicas da UE. Esta liña incluíuse no programa “Europa Investigación” 2020 que rematou a finais de 2019. Nós presentamos unha proposta para abordar esta cuestión non só en aspectos psicolóxicos senón tamén sociopolíticos, socioculturais, de xénero e sociopsicolóxico. Este último foi unha novidade, mais realmente era novidoso estudar todos os aspectos sociais ligados á transición enerxética no sentido de transición xusta sobre as persoas, comunidades e grupos vulnerables. Estamos falando de transición en emprego, perdas de emprego, transformacións que traen canda si problemas psicolóxicos. Algo semellante ocorreu coa transformación industrial en España nos anos 80 e 90 co apego a determinadas zonas industriais, saúde mental, consumo de substancias e todo isto ligado ao aumento da violencia familiar, problemas de emprego porque xa non hai ingresos para manter unha familia.

-Como conseguiu o Grupo de Investigación da UDC entrar neste programa de investigación?
Este é o Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea (UE) para o periodo 2021-2027, Horizon Europe. Poden participar investigadores dos países membros da UE e doutros que teñen convenios específicos. Cando estudamos o programa vimos unha oportunidade para investigar conxuntamente e asinamos un convenio cun consorcio internacional  con outros trece grupos doutros países da UE. Escribimos unha proposta feita entre todos e, dada a nosa experiencia, lideramos este consorcio, Consorcio Entrances, para o estudo da transición enerxética desde o carbón e o carbono. 

Estamos falando de transición en emprego, perdas de emprego, transformacións que traen canda si problemas psicolóxicos

-Existe unha vinculación moi forte entre Europa e o carbón?
Hai rexións que extraen carbón, áreas de carbón e logo hai plantas onde se queima para crear enerxía, como era o caso das Pontes. Cando se suprimiron as subvencións para o carbón en 2018 fóronse pechando os traballos relacionados coa minaría do carbón e os  procesos ligados a el. Cada rexión é diferente, hainas cunhas condicións de traballo moi precarias, outras onde as decisións sobre enerxía e materias primas son tomadas de maneira máis centralizada (España, Alemaña), por tanto, temos diferentes caracterísitas e diferentes estratexias para afrontar a transición cara as enerxías limpas. Iso levounos a estudar os diferentes impactos desta transición enerxética.

Grupo  investigación
Grupo investigación

-Existían diferenzas entre as rexións mineiras dun estado e o resto de territorios que o compoñían?
Si, porque onde se estraía a economía local crecía, había unha forte identidade local e unha forte vinculación co territorio. O peche destas minas é un impacto tanto económico como de desterritorialización, un fenómeno nacido da desconexión entre persoas e territorio froito da perda do traballo.

-Cal era o marco teórico e práctico desde os que partían cando fixeron o traballo sobre As Pontes?
O marco teórico está relacionado coa desterritorialización e todo canto significa irse dun lugar. Aquí a estratexia está en ver como construír un proceso de reterritorialización, coa creación de espazos de discusión para crear escenarios que permitan a incorporación de novas industrias. Os axentes que interveñen son representantes do Goberno central, ecoloxistas e representantes das diferentes dimensións cidadás. Dentro da Facultade de Sociloxía da Coruña construímos todos eses escenarios xunto coa comunidade. De cara á UE queremos deixar ver que este proxecto se fixo nun contexto de coordinación e participación. Isto dígoo porque normalmente os gobernos tenden a preguntar ás persoas próximas a eles ideoloxicamente para evitar conflitos e evitar populismos,  porque estes movementos nacen case sempre en momentos de crise. Nós sentamos a todo o mundo na mesa para ver e estudar o escenario das Pontes.

Cando se suprimiron as subvencións para o carbón en 2018 fóronse pechando os traballos relacionados coa minaría do carbón e os  procesos ligados a el

-Que alternativas ou vías se presentaron no caso das Pontes durante a reunión das mesas?
As vías estaban na divesificación e reindustrialización do complexo térmico que pechou, investimentos en enerxía verde, tal como expresaron as persoas que traballan nesta dirección desde o Goberno: mediante parques eólicos e unha planta de hidróxeno. Tamén é necesario investir en tecnoloxía, infraestruturas para aumentar a interconectividade e ademais, este escenario tamén implica descentralizar máis o poder de decisión implicando os gobernos autonómico, local e estatais en relación á zona das Pontes. Ademais disto, os investimentos deberan ir dirixidos á atención ás persoas maiores, no sector turístico co preservación do patrimonio mineiro e industrial. Por outra parte, e moi importante, investimento en recursos humanos para recolocar os traballadores despedidos e responsabilizar á empresa na rehabilitación medioambiental da comarca.

-A térmica das Pontes segue entrado naquela definición de industria de enclave?
Observamos que hai proxectos mais non hai un escenario, non hai unha coordinación para garantir estabilidade de cara, por exemplo, a tres ou catro décadas. É necesario deseñar un proxecto marco onde inserir cada un dos proxectos para determinar outras necesidades que se poden deseñar como políticas de xénero que potencien a empregabilidade das mulleres. Tamén aproveitar as dinámicas da especialización e tecnolóxicas en relación a todo o que son os procesos de dixitalización da economía e dos instrumentos de traballo.

O peche destas minas é un impacto tanto económico como de desterritorialización, un fenómeno nacido da desconexión entre persoas e territorio froito da perda do traballo

-A partir destes estudos cando se poderían ver fisicamente os resultados deste traballo teórico?
A CE achegounos hai pouco un informe apuntando que os nosos traballos terán un impacto directo sobre as políticas europeas. A dinámica de funcionamento comeza co CINEA levando os documentos aos órganos europeos que deseñan políticas no ámbito da UE. Todas estas políticas toman forma a partir de documentos elaborados a partir do investimento que fai a UE en I+D durante o período 2021-2027, o programa máis actual. Hai unha vixilancia para que estas recomendacións cheguen a materializarse en políticas. Por outra parte, en cada plan ou estudo elaborado por unha universidade europea debe ir canda el un plan de explotación, un aspecto que cada vez ten máis peso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta