Enrique Domínguez, gastroenterólogo, sobre o fenómeno viral do SIBO: "Ata a miña veciña me pregunta"

O sobrecrecemento bacteriano no intestino delgado acumula milleiros de publicacións nas redes sociais xerando cada vez máis alarma.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 10/05/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Se imos a Tik Tok e Instagram e poñemos o cancelo #SIBO aparecen máis de 420.000 publicacións, proba do boom que está tendo nas redes sociais. Pero que é o SIBO? "O SIBO corresponde ás siglas en inglés de sobrecrecemento bacteriano no intestino delgado, é un crecemento anómalo de bacterias na parte máis alta do intestino delgado onde habitualmente hai poucas bacterias", así o explica Enrique Domínguez, xefe de servizo de Dixestivo do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Ese aumento no número de bacterias poden "producir síntomas que alteran a calidade de vida do paciente".

Dor abdominal
Dor abdominal | Fonte: Pixabay

Este experto non é alleo á repercusión do SIBO nas redes sociais "estásenos indo un pouco das mans". Neste sentido considera que o sobrecrecemento bacteriano é algo "de toda a vida", que se diagnostica e se trata cunha base científica en pacientes que teñen enfermidades ou situacións clínicas que predispoñen o desenvolvemento de SIBO. "Grazas a ou por culpa da difusión en redes sociais, ata a miña veciña me pregunta polo SIBO", comenta o doutor Domínguez. 

Entre os síntomas destaca que son "absolutamente inespecíficos" e comúns a outras enfermidades, tales como hinchazón de barriga, abdominal, moitos gases... Ante a presenza desta sintomatoloxía fai fincapé na importancia dun diagnóstico diferencial realizado por un facultativo. Coa proliferación nas redes, as persoas buscan saber que alimento lles senta mal e identifican o SIBO como "causa diferencial". No diagnóstico, incluso os test resultan accesibles, xa que se poden adquirir a través das farmacias ou internet, considera "repercutiu nun descontrol da situación". Así, fai especial fincapé en que a poboación entenda que os test diagnóstico "non son de si ou non", que non é unha proba de embarazo ou covid. Enrique Domínguez expón: "Presenta unha curva que indica canto hidróxeno se produciu no corpo, despois de inxerir un azucre e ese hidróxeno habitualmente é producido polas bacterias. Estamos recibindo moitos pacientes que veñen co test feito pola súa conta, cun diagnóstico que non é correcto e xérase unha alarma que non ten absolutamente ningún sentido". Por iso é importante que o resultado sexa analizado por un médico experto neste tipo de test, "que ten moitos resultados falsos".

"A PREVALENCIA É MOI BAIXA NA POBOACIÓN XERAL"

Hai que preocuparse pola incidencia do SIBO en España? O sanitario expresa que "é moito menor da que calquera poida pensar". Considera importante que a xente sexa consciente que padecer esta sintomatoloxía non significa ter SIBO, senón que pode deberse a "alteracións funcionais ou dixestivas, como o síndrome de intestino irritable, dispersia funcional, e incluso enfermidades orgánicas, como enfermidades celíacas, do pancreas...".

O doutor Domínguez fala de "prevalencia", que en epidemioloxía, fai referencia á proporción de casos dunha enfermidade nun período de tempo, respecto da poboación existente na zona obxecto de estudo. Afirma que a prevalencia na poboación xeral "é moi baixa", salvo en persoas que teñan factores de risco para desenvolver SIBO. Así, manifesta: "Cando se inclúe en estudos a pacientes con alteracións da motricidade intestinal, das contraccións normais do intestino, nesa poboación aumenta a prevalencia e risco de padecer sobrecrecemento bacteriano". 

Para entender mellor esta cuestión, o facultativo explica que fisiolóxicamente temos mecanismos que fan que manteñamos "un intestino delgado relativamente estéril cun número de bacterias baixo". Eses mecanismos serían, primeiro, o "ácido do estómago" porque calquera tipo de bacteria ou alimento que poidamos comer cando chega ao estómago, ante este ácido, as bacterias non son quen de resistir. "É un mecanismo de defensa fundamental", recoñece e engade, como segundo, a motilidade intestinal, o feito de que o intestino se mova, se contraiga para que o que entra no intestino delgado se poida ir avazando cara ao intestino groso. Desta maneira, as alteracións destes mecanismos favorecen ao desenvolvemento de SIBO. Entón, que enfermidades predispoñen a súa aparición? Contesta: "Aqueles pacientes que teñan enfermidades de estómago que lles fan producir menos ácido, nestes a probabilidade xa é bastante alta. Pasa o mesmo nos pacientes con alteracións na motilidade intestinal relevantes, serían os que padecen enfermidades neurolóxicas dexenerativas, con diabetes de longa evolución e mal control ou que teñen enfermidades intestinais primarias". Xa por último, como outro factor de risco e que predispón sinala á "cirurxía".  

"SE O DOUTOR GOOGLE É MALO, O DOUTOR REDES SOCIAIS, PEOR"

É como se trata o SIBO? "O mellor tratamento é tratar a enfermidade que predispuxo o SIBO. Eu non podo tratar cun antibiótico un sobrecrecemento bacteriano sen tratar a enfermidade de base porque volverá producirse", explica. Nesta liña, comenta que en pacientes que padecen  enfermidades neurolóxicas e demáis, van a requerir antibióticos de por vida en ciclos. "Agora imaxinemos que iso o trasladamos á poboación xeral con todo o boom que se produciu co SIBO sería unha das maiores catástrofes que nos podemos imaxinar de desenvolvemento de resistencia bacteriana por poñer en contacto a bacterias con antibióticos que non necesitan", alerta. 

Ante os múltiples tratamentos que se amosan nas redes sociais, o doutor Domínguez teno claro "sempre se dixo que o doutor Google é un mal médico" porque é información moitas veces irrónea ou difícil de interpretar por un paciente. Porén, "se o doutor Google é malo, peor médico é o doutor redes sociais", incontrolable e que pode dar información "incluso perigosa". O risco é tal que incluso hai persoas que poden padecer trastornos na alimentación coas dietas que circulan nas redes sociais. 

Para entender ben o tema da dieta neste contexto, o experto apunta: "Cando un paciente ten SIBO, ten bacterias nun lugar onde non deberían estar, na parte alta do intestino delgado, onde normalmente o número de bacterias é reducido. Cando ese paciente come, sobre todo hidratos de carbono, as bacterias van empregar eses hidratos antes de que o paciente lle dé tempo a dixerilos e absorbelos. O que fan é producir gas, por iso a hinchazón abdominal, algo que normalmente só se produce no intestino groso, no colón, que é onde están de verdade as bacterias, onde temos a flora intestinal. Ao pouco tempo de comer, o paciente hincha porque produce gas". Desta maneira, sostén que as dietas non curan o SIBO, que é "outra información errónea que se ve nas redes sociais", senón que o que fan é darlle a esas bacterias menos comida para que produzan menos gas, como serían as baixas en FODMAP. Así, conclúe: "Se non producimos gas, non hincha a barriga nin se ten molestias, pero non curan o sobrecrecemento bacteriano". Con todo isto xa explicado, indica que se están "creando enfermos onde non os hai" e conciencia de que os test están lonxe de dar bos diagnósticos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta