Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 10/05/2024 | Actualizada ás 19:09
Rehabilitar unha vivenda non sempre é unha tarefa sinxela. O primeiro que pasa pola cabeza de calquera é a elevada inversión que isto supón. Nunha terra como Galicia, onde hai moitos edificios con anos e anos de antigüidade ás súas costas, poder facer reformas neles é aínda máis importante. Por iso a Xunta leva anos promovendo e apostando pola rehabilitación de inmobles destinados a usos residenciais, tanto a través de actuacións directas destinadas a reforzar o actual parque público de vivendas, como da concesión de axudas económicas a particulares, comunidades veciñais e promotores.
A tal fin, impulsou a primeira Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, aprobada en abril do ano 2019 co reto de situar á nosa terra á vangarda do país nesta materia, dándolle un pulo importante ás políticas de rehabilitación e apostando de forma decidida pola recuperación do patrimonio xa construído.
Ademais e no eido da rehabilitación residencial, Galicia foi unha das comunidades que mellor aproveitou a oportunidade que supuxeron os fondos europeos do programa NextGenerationUE destinados á vivenda. A través de diferentes programas e liñas de incentivos convocados desde 2022, o Instituto Galego da Vivenda e Solo destinou xa máis de 140 millóns de euros a conceder axudas a propietarios particulares, comunidades de veciños e concellos para rehabilitar co fin de mellorar a eficiencia enerxética de máis de 24.000 vivendas no conxunto de Galicia.
En concreto, o total de axudas concedidas na convocatoria do ano 2022 foi destinado a 11.446 vivendas, por importe de case 60 millóns de euros (59.978.006,76 euros). O maior número de axudas concedidas foi para a rehabilitación a nivel de barrio, que beneficiou a 4.718 vivendas. A partida destinada a tal fin tivo un 100 % de execución, con 32.643.994,39 euros investidos. Seguiulle en número de vivendas beneficiadas a partida destinada ao programa de axuda á elaboración do libro do edificio e a redacción de proxectos de rehabilitación, con 3.183 vivendas. A execución desta partida foi do 94,6 %, con 1.180.474,29 euros destinados.
En terceiro lugar, aínda que con maior nivel de execución que o anterior (do 99,87 %), sitúanse as axudas para as actuacións a nivel de edificio, das que se beneficiaron 2.334 vivendas, e para as que se destinaron 22.844.003,92 euros. Finalmente, o programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas beneficiou a 1.211 vivendas, a pesares de contar cunha execución do 24,6 %. O importe total investido neste punto foron 3.309.534,16 euros. A maiores hai que engadir os 1.259.031,37 euros que se destinaron ao apoio ás oficinas de rehabilitación, cuxas axudas se executaron ao 100 %.
No 2023, o número total de axudas concedidas aumentou ata beneficiar a 12.293 vivendas, así como o importe, que chegou ata os 72.788.563,64 euros (case 13 millóns de euros máis que no ano anterior). Neste ano non houbo convocatoria do programa de axuda á rehabilitación a nivel de barrio, pero si creceron moito as vivendas beneficiarias do programa de axudas ás actuacións a nivel de edificio, que pasaron das 2.334 do 2022 ás 5.142 (máis do dobre). O importe total desta partida, executada ao 99,99 %, foi de 66.431.140,21 euros.
Tamén creceron de xeito moi notable as axudas destinadas á elaboración do libro do edificio e a redacción de proxectos de rehabilitación, pasando das 3.183 vivendas do 2022 ás 5.823 (unhas 2.640 máis). Esta partida foi executada ao 92,89 %, e investíronse nela 2.675.611,53 euros. No que respecta ao programa de axudas ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas, este non foi subiu sobremaneira, chegando o pasado ano ás 1.328 vivendas beneficiadas (117 máis que en 2022). A partida executouse ao 95,18 %, cun investimento de 3.681.811,90 euros. Finalmente, ao programa de apoio ás oficinas de rehabilitación destináronse 2.317.592,10 euros (algo máis dun millóns de euros máis que no 2022).
Ante o demostrado éxito destas axudas, que se resolveron ademais nos dous últimos anos cunha elevada porcentaxe de execución, a Xunta ten previsto publicar en 2024 unha nova convocatoria dos programas para rehabilitación enerxética a nivel de edificio, a nivel de vivenda e para a redacción de proxectos e do libro do edificio, cun orzamento inicial de 37 millóns de euros.
Ademais, a Xunta puxo en marcha o chamado programa Rexurbe, concibido para a compra de inmobles abandonados e solares baleiros localizados en centros históricos co fin de rehabilitalos e destinar as vivendas resultantes ao alugueiro a prezos accesibles.
En desenvolvemento dunha das figuras introducidas pola Lei de rehabilitación, a Xunta xa declarou un total de sete áreas Rexurbe no conxunto de Galicia coa finalidade de facilitar a recuperación de conxuntos históricos declarados Bens de Interese Cultural (BIC) a través da aposta por combinar e concentrar os recursos para que cheguen alí onde máis se necesitan, posibilitando á vez a combinación de diferentes instrumentos de financiamento público-privado. Son, en concreto, as de Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia, aprobadas no ano 2020; a de Tui, en 2021; as de Ribadeo e Ferrol, aprobadas un ano despois; e a máis recente de todas, a de Betanzos, declarada oficialmente en 2023.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.