Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2024 | Actualizada ás 20:05
Unhas 25 organizacións do sector pesqueiro extractivo reuníronse no XXV Encontro Empresarial Expomar este xoves na localidade lucense de Burela, onde reivindicaron a necesidade de aproveitar as eleccións europeas para solicitar un cambio na estrutura política da Comisión e dar un maior protagonismo e defensa á pesca.
Ésta é unha das conclusións do evento, entre as que tamén se recolle a importancia de velar pola supervivencia do sector. "O sector non o aguanta todo. A nosa capacidade para manter a actividade e fornecer alimentos saudables esgótase e estamos nunha situación de risco de ruptura e de non volta atrás", subliñaron. Outra das conclusións é tratar de traballar para conseguir a substitución xeracional no emprego, a través da axilización e da flexibilización das formacións, a facilitación das contratacións de tripulantes estranxeiros ou a armonización das titulacións.
Tamén piden ás administracións unha aposta para defender a viabilidade e mellorar a competitividade das empresas, así como unha revisión da política pesqueira común. Tamén insisten en normativas "máis simples" de aplicar e entender. Así mesmo, poñen o foco en axilizar o cobro das axudas do 2022 polo incremento de custos e pór en marcha novas subvencións. Ademais, esixen que se aplique o principio de precaución na valoración da coexistencia dos diferentes usos do espazo marítimo, sen pór en risco a actividade pesqueira e os ecosistemas mariños e accións de comunicación en positivo, para conseguir un maior alcance e notoriedade, co obxectivo de incentivar a promoción e o consumo de peixe.
Ao encontro asistiu, entre outros, o deputado de Recursos Sustentables da Deputación de Lugo, Francisco Cajoto, quen reafirmou o compromiso do ente provincial coa Mariña e co sector pesqueiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.