Uns 200 docentes acoden a unha xornada de dinamización das linguas estranxeiras nas aulas

O obxectivo é profundar en novas metodoloxías e estratexias para a dinamización nas aulas, así como sobre o uso de novos recursos didácticos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2024 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

Uns 200 docentes participan este sábado en Santiago nunha xornada de formación en linguas estranxeiras organizada pola Xunta, a través do Centro Autonómico de Formación e Recursos, para profundar en novas metodoloxías e estratexias para a dinamización nas aulas, así como sobre o uso de novos recursos didácticos.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, foi o encargado de inaugurar este encontro. Ante os asistentes, o titular de Educación destacou a importancia da competencia plurilingüe no contexto actual e puxo en valor o conxunto de iniciativas que a administración autonómica leva a cabo a través da Estratexia de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030 "coa continuidade e a consolidación dos programas levados a cabo na última década e nos que se inclúen novos retos de calidade vinculados non só á internacionalización, senón tamén á inclusión e á innovación".

En concreto, o conselleiro fixo referencia ao reforzo da certificación das competencias lingüísticas tanto para o profesorado como para o alumnado como "unha das apostas" dos próximos anos co desenvolvemento de "un programa intensivo" de certificación e acreditación no marco europeo.

INTELIXENCIA ARTIFICIAL

Por outra banda, Rodríguez tamén participou este sábado nas xornadas sobre intelixencia artificial organizadas por CECE-Galicia, onde puxo de manifesto o "compromiso" do Executivo galego por "actualizar e reorientar" o uso das novas tecnoloxías e as "inmensas posibilidades" que se abren no ámbito formativo. Neste sentido, trasladou a Xunta nunha nota de prensa, a través de Edudixital 2030 a Consellería pon a disposición da comunidade educativa distintas ferramentas tanto no que ten que ver coa formación académica como a aspectos relativos ao uso seguro das novas tecnoloxías.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugura as Xornadas de Linguas Estranxeiras
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugura as Xornadas de Linguas Estranxeiras | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta