Aberto o prazo das axudas para a edición de materiais didácticos en lingua galega

Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tirada mínima de 1.000 exemplares e os editados en soporte dixital ou audiovisual, de 500.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2024 | Actualizada ás 15:43

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. Segundo informou o Executivo galego, é unha liña de axudas destinada á edición de materiais en formato impreso ou dixital á que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega durante este ano 200.000 euros.

O obxectivo da convocatoria, dirixida ás empresas do sector editorial, é fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego no ensino regulado e favorecer o tecido da industria editorial galega. Aquelas que cumpran os requisitos deberán solicitar as axudas obrigatoriamente por medios electrónicos mediante os formularios da sede electrónica da Xunta ata o 7 de xuño.

Serán subvencionables a elaboración e edición en lingua galega dos recursos didácticos curriculares e complementarios destes para niveis non universitarios realizados en soportes impresos ou dixitais. Están excluídos destas subvencións os libros de creación literaria, dicionarios, enciclopedias, libros de bibliófila, volumes de difusión gratuíta e publicacións de clubs de lectura ou similares, entre outros.

Os materiais editados en soporte impreso deberán ter unha tirada mínima de 1.000 exemplares e os editados en soporte dixital ou audiovisual, de 500. En calquera caso, as publicacións electrónicas, pola súa natureza, non están suxeitas a este requisito e, de editarse nalgún soporte tanxible (memoria USB, CD, DVD e outros), a tirada mínima será de 50 exemplares.

Os proxectos presentados serán valorados por unha comisión en función da súa orixinalidade e da súa calidade, que se medirá en función da adaptación dos materiais ao currículo oficial, do tipo de actividades propostas, da relación dos contidos cos intereses e coñecemento do alumnado destinatarios, do tratamento dos valores democráticos, da adecuación á realidade cultural e social de Galicia e da calidade lingüística.

Educadores e bibliotecas traballan a selección de lecturas recomendadas para os máis pequenos
Educadores e bibliotecas traballan a selección de lecturas recomendadas para os máis pequenos | Fonte: FEDERACIÓN LIBRARÍAS GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta