Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/10/2015 | Actualizada ás 08:00
O turismo é unha das prioridades do Goberno de Feijóo, especialmente, en ano electoral. Por iso, as partidas que se destinan en concepto de publicidade para o ano que ven son superiores ás deste ano. En total, máis de 4 millóns de euros, só, para un convenio concreto.
O obxectivo da campaña é a "contratación dun servizo integral para a elaboración e execución de campañas de turismo no ámbito galego, nacional e internacional durante o 2016". Un servizo que inclúe a realización dunha estratexia e plan de medios con cantidades concretas para Televisións, valados publicitarios, radios, medios escritos e cibermedios.
Un dos principais obxectivos de Turismo é o Camiño de Santiago, pero este convenio para 2016 só ten campañas especiais polo "Entroido, Semana Santa, Ponte de Maio, verán ou outono" co obxectivo de "promover a difusión e coñecemento dos valores e principios propios de Galicia", o "patrimonio histórico e natural de Galicia" e o fomento do "destino Galicia tanto en turismo interior como exterior". En total, o orzamento será de 4.027.400 euros. Todo o que ten que ver co Camiño irá noutros convenios publicitarios.
Esta millonaria cantidade para os medios chegará en ano electoral en Galicia. Non é a primeira vez que os distintos gobernos incrementan os convenios cos medios en época electoral. Algo que xa aconteceu coa Xunta antes e despois das eleccións municipais.
Tal e como xa publicou o GC, o Diario Oficial de Galicia recollía en maio, pouco despois dos comicios locais, unha nova subvención aos medios tradicionais por máis dun millóns de euros. Unhas axudas que se sumaban aos máis de 5,5 millóns que a Xunta xa gastara en encher as contas das grandes familias mediaticas do país nos meses anteriores a eses comcios.
En total, e ata maio, o Goberno de Núñez Feijóo gastou, cando menos e dos que Galicia Confidencial teña constancia, 6.5 millóns de euros neste tipo de convenios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.