Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 17/05/2024 | Actualizada ás 11:54
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a gala na que se daban a coñecer os proxectos galardoados na 11ª edición dos ‘Premios Martín Códax da Música 2024’. Evento que tamén se puido seguir por streaming dende a web da organización.
A gran noite do colectivo de artistas do noso país non defraudou, e menos da man de Xurxo Souto, condutor da gala. Un auditorio cheo de público viviu un gran ambiente e o "Ti que me levas" de Xurxo, xunto coa Banda Xangai, converteuse no himno da noite.
Dos 57 artistas e proxectos que formaban parte da grella de finalistas en 20 categorías a concurso estes foron os premiados:
Lucía Aldao (Pop e Indie), Terbutalina (Rock e Punk), Brais Morán e Nasaufunk (Blues, Funk e Soul), Her Anxiety (Metal e Heavy), Hydn (Músicas Urbanas), Mondra (Electrónica), Os Melidaos (Música Tradicional), Guadi Galego (Canción de Autor/a) Caamaño & Ameixeiras (Música Folk), Uxía Lambona e a Banda Molona (Música Infantil), Agrupaión Musical de Goián (Bandas de Música Popular), Pablo Sanmamed Trío + Benxamín Otero (Jazz e Músicas Improvisadas), América de Vigo (Orquestras, Grupos e Música de Verbena), Catuxa Salom (Músicas do Mundo e Mestizaxe), Carme López (Música Clásica e Contemporánea).
Na categoría de artista emerxente o premio foi para Gloria Pavía mentres que Emilio Cao foi merecedor do premio honorífico.
No apartado de ‘Premios Organistrum’, que premia as mellores salas, os mellores festivais e aqueles proxectos de Comunicación e Difusión Musical máis salientables do ano, os premiados foron, respectivamente, A Arca de Noe (sala de música ao vivo en Vilar de Santos), o festival As Nosas Músicas (da Estrada) e o proxecto Miudiño Sessions – A Regueifa Plataforma 2.0.
A crónica da gala, contada pola organización, podedes vela na súa páxina web.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.