Por Xurxo Salgado | A Guarda | 23/10/2015 | Actualizada ás 20:28
O Castro de Santa Trega, un dos máis importantes e o máis visitado de Galicia, non para de dar sorpresas. A última, o achado dunha cabeza castrexa na escavación que, desde agosto, explora unha das partes máis descoñecidas do poboado, a cara leste, e que dirixe o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez.
O equipo de arqueólogos que traballa na zona atopou este venres, no derrube da muralla interna, unha cabeza de bulto redondo e de rasgos toscos de tipoloxía castrexa. “Pola súa forma parece que podería formar parte dunha figura máis completa”, apunta Leo González, arqueólogo e guía do castro.
A cabeza ten unha liña marcada que podería corresponder a un casco se se teñen en conta as referencias as outros guerreiros galaico-portugueses aparecidos. Tamén se lle ven as orellas, “o cal é raro neste tipo de figuras”, suliña González.
No castro de Santa Trega non hai cabezas deste tipo, só dous ídolos. Un deles é de corpo enteiro e está nunha laxe plana. O outro é outro ídolo en forma de figura humana que está nos fondos do museo porque é unha peza dubidosa. Ten rasgos dunha persoa e un trisquel nun lateral.
Achado único
Este achado é moi importante porque, ata o momento, só dúas destas cabezas castrexas, das dúas ducias que existen, foron atopadas nun contexto arqueolóxico. Sen embargo, a do Trega destaca por aparecer, concretamente, nun muro. Precisamente, crese que este tipo de figuras estaban vinculadas ás murallas e foxos das fortificacións. Os arqueólogos refírense a elas como “Tètes coupées”, cabezas cortadas, que están colocadas nesas zonas como elementos simbólicos de defensa.
“O interesante deste descubrimento e que foi atopado nun contexto arqueolóxico definido e isto indica que nese tramo da muralla pode haber un acceso próximo”, apunta Leo. A área onde se atopou é coñecida como o barrio de Mergilana e escavouse nos anos 30.
Logo quedou abandonada, en parte, polo inicio da Guerra Civil. Desgraciadamente, pouco despois da guerra arderon os fondos dos arquivos de Valladolid onde estaban depositados os documentos do estudo, que se perderon. Por iso, ata o de agora sabíase moi pouco desta zona.
Con todo, os especialistas suliñan que é unha das áreas máis importantes de Santa Trega, senón, a máis importante, porque se atopa na mellor ubicación posible –máis protexida do vento e con máis horas de sol-- e dispón de máis espazos públicos,. Probablemente, as principais familias do castro viviran nesa ladeira. As escavacións sacaron á luz moitos pedazos de ánfora, o que indica unha gran actividade comercial, que viría por mar. Tamén a cronoloxía é diferente e indicaría un aspecto tamén novidoso do que se sabe, ata agora, do castro posto que tería unha ocupación anterior a que se coñece –século I AC e I DC--, que o situaría entre o IV e III A.C.
O rexedor, entusiasmado
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, tamén confirmou a GC este achado que cualificou de moi importante para o concello e para o castro. “Atopamos a cabeza mentres había a visita dun cole. E por iso a importancia que ten a nivel cultural e educativo e para que se aprecie e coñeza o noso patrimonio”, apunta.
“A escavación supón un antes e un despois no castro de Santa Trega porque a levabamos agardando muito tempo xa que este xacemento é un dos máis importantes de Galicia e nunca foi ben atendido pola administración”, lembra o rexedor. Así, lembra as palabras dun arqueólogo para referirse a este xacemento: “Tedes a torre Eiffel dos castros, pero o diñeiro vai para outro sitio”.
Lomba tamén di atoparse “entusiasmado” con esta escavación porque “está aportando moitas novidades” ao que xa se coñecía de Santa Trega.
Cabezas castrexas
As cabezas castrexas son un dos restos arqueolóxicos con máis interrogantes da época castrexa. Son esculturas en pedra procedentes dos castros galegos e portugueses e semellan formar parte dunha koiné artística mediterráneo-romana. Non ter un encadramento cronolóxico definido. O arqueólogo Calo Lourido contabiliza 23 pezas que el denomina "Cabezas humanas", das cales só dúas foron encontradas en escavacións arqueolóxicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.