Nace 'cREAgal', un depósito virtual para que os profesores galegos compartan recursos didácticos de creación propia

A Xunta presenta esta plataforma que implantará de maneira progresiva.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/05/2024 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

Os centros educativos de Galicia contarán en próximos cursos cunha nova aplicación virtual chamada 'cREAgal', un depósito no que os profesores poderán compartir e empregar gratuitamente recursos didácticos deseñados por outros docentes. Esta ferramenta, que foi presentada este martes nun acto na Cidade da Cultura, en Santiago, busca profundar na igualdade de oportunidades de todo o sistema educativo galego e universalizar os recursos ao redor dos currículos marcados. A plataforma empregarase de 5º de Primaria a 4º de ESO e habilitarase de maneira progresiva nos próximos anos académicos. O obxectivo de que para o curso 2026/27 estea implantado en todos estes niveis.

Os recursos subidos a 'cREAgal' contarán con licenza aberta 'CC BY-NC-SA', o cal quere dicir que se deberá recoñecer a súa autoría, que non fará falta pedir permiso para o seu uso e que non se poderá sacar proveito económico porque se concibe como unha ferramenta ao servizo dunha administración. Iso si, o docente que queira empregar un recurso concreto poderá tamén editalo e melloralo.

Así o explicaron algúns dos promotores desta ferramenta neste acto ante un centenar de asistentes no que o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou que 'cREAgal' está chamada a ser "un punto de inflexión" na dixitalización do ensino na Comunidade.

E é que este depósito adquirirá un "papel relevante" para "complementar outras ferramentas tecnolóxicas" que xa están dispoñibles nos colexios e institutos. 'cREAgal' estará dispoñible para todos os centros, tanto aqueles que estean adheridos ao programa do libro dixital 'eDixgal' como os que non. Este depósito virtual nace nun momento no que, segundo recoñeceu Rodríguez, hai na educación galega un "debate social significativo" sobre a aprendizaxe con recursos tecnolóxicos, concretamente en torno ao 'eDixgal'.

En calquera caso, o conselleiro insistiu en que "a tecnoloxía non é un fin en si mesmo, senón un medio" para que o alumnado adquira as competencias marcadas polo sistema. "A tecnoloxía é unha ferramenta absolutamente necesaria", engadiu, para recalcar a idea de que estes recursos "teñen que axudar sempre ao docente e ao alumno, e non ao revés".

'cREAgal' é unha plataforma "feita polo profesorado e pensada por e para a súa implementación" en todas as aulas de Galicia, resumiu Román Rodríguez.

Interior dunha as aula. Antonio Sempere - Europa Press - Arquivo
Interior dunha as aula. Antonio Sempere - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta