VII Premio de Investigación Cátedra do Camiño para unha investigación sobre atención a peregrinos en Portugal

Éese doutoral sobre a asistencia aos peregrinos no norte de Portugal nos séculos XVII e XVIII, defendida por Liliana Andreia Valente Neves no Instituto de Ciencias Sociais da Universidade do Minho

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2024 | Actualizada ás 20:33

Comparte esta noticia

O xurado do VII Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago e das Peregrinacións 2024, que outorga a Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC, outorgou o galardón a unha tese doutoral sobre a asistencia aos peregrinos no norte de Portugal nos séculos XVII e XVIII, defendida por Liliana Andreia Valente Neves no Instituto de Ciencias Sociais da Universidade do Minho no 2023. Na convocatoria deste ano presentáronse traballos desde España, Portugal, Polonia e Brasil.

A premiada é licenciada, mestra e doutora en Historia pola Universidade do Minho, así como investigadora colaboradora do Lab2PT/IN2PAST, membro do grupo História Social a Norte, autora de varios capítulos de libros e artigos publicados en revistas nacionais e internacionais, e autora do libro 'Peregrinos e viajantes. O auxílio das Misericórdias de Braga e Ponte de Lima (séculos XVII-XVIII)', publicado en 2021. Actualmente é a responsable da Divisão Patrimonial da Santa Casa da Misericórdia de Arcos de Valdevez.

O seu proxecto de doutoramento, que foi financiado por unha bolsa da Fundação para a Ciência e Tecnologia en Portugal, estuda no Norte de Portugal unha das funcións das institucións dedicadas á asistencia social chamadas Misericórdias, en concreto a da asistencia á poboación en tránsito nos séculos XVII e XVIII, sendo o seu principal obxectivo analizar a preponderancia destas institucións no contexto das viaxes e peregrinacións, no período moderno, cando as viaxes eran verdadeiros desafíos, debido ao seu elevado custo, aos perigos e ás diversas dificultades.

A autora lembra que "non sempre foi pacífico acoller nos seus edificios aos peregrinos e viaxeiros, aínda que as Santas Casas se esforzasen por prestarlles este xénero de auxilio, dada a situación de desamparo en que se atopaba a poboación flutuante". "Estas institucións eran, en moitos casos, un porto seguro onde o camiñante atopaba o descanso e alivio necesarios non só ao seu corpo, mais tamén á súa alma", lembra.

Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no Pazo de Fonseca.. USC
Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no Pazo de Fonseca.. USC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta