Especies invasoras en Galicia: o cadillo, unha planta capaz de picar as rodas dunha bicicleta

Vilagarcía está xa combatendo contra esta especia. A intervención consiste na decapación dos primeiros 30 centímetros de terra, onde se atopa a planta, para logo introducila esterilizada con auga de mar en zanxas de dous metros e media de profundidade, soterrándoa e deixando na superficie a terra en bo estado.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 01/06/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Dentro das especies invasoras vexetais que proliferan na nosa comunidade non todas son igual de predominantes. Falar de mimosa, de uña de gato ou de orella de gato non é unha sorpresa para ninguén, pero se falamos do zacate cadillo ('Cenchrus echinatus'), tamén coñecido como guizacillo de Cuba ou ollo de formiga, a cousa xa cambia. Seguramente a moitos nin vos sone esta planta, pero está a ser un verdeiro problema dende fai uns anos na praia de Vilagarcía de Arousa. Agora, antes de que chegue unha nova edición do Atlantic Fest, estase tratando de proceder a labores de eliminación, para evitar que os asistentes a continúen espallando.

Cadillo na praia de Vilagarcía
Cadillo na praia de Vilagarcía | Fonte: GC

O cadillo é orixinario de América e caracterízase por ter unha forma ramificada con tallos de ata 85 centímetros de altura e vainas marcadamente pilosas. Distribúese moi ben en ambientes perturbados dos trópicos e en praias (como a de A Concha-Compostela, en Vilagarcía). Xeralmente, en Latinoamérica utilízase para fins medicinais no tratamentos de problemas dixestivos, alerxias e febres. En Galicia non ten utilidade e, de feito, supón un verdadeiro problema para a xente que camiña pola praia descalza.

Ao estar integrada co resto da herba, as persoas confíanse e camiñan sobre esta planta cos pés nús, quedándolle adherida a eles. E é que o cadillo reprodúcese a través dunhas sementes que precisamente comezan a dispersarse en primavera. Polo momento aínda son verdes, pero xa cedo se secarán, convertíndose en verdadeiras espiñas que mesmo son quen de perforar os neumáticos dunha bicicleta sen dificultade. Ademais, gústalle a calor, que axuda ao seu crecemento.

A INTERVENCIÓN DURARÁ UNS 5 MESES, PERO A PARTE DO ATLANTIC FEST ESTARÁ REMATADA A TEMPO

Ademais, no caso da praia de A Concha-Compostela hai que ter en conta que estamos a falar dunha superficie de terreo moi extensa, 65.000 metros cadrados, e non hai nin un recuncho ao que non chegase esta especie invasora. Foi fai 16 anos cando se levou a cabo a última rexeneración da praia, na que se botaron 50.000 metros cúbicos de áridos do Miño. Sen embargo, non sería ata dez anos despois, aló polo 2018, cando chegaría o cadillo, comezando a verse polo paseo que une Vilagarcía cidade co pobo de Carril. A xente que saía da praia marchaba para a casa ou para o coche con chanclas e roupa cheas das 'espiñas' desta planta.

Labores de intervención na praia de Vilagarcía
Labores de intervención na praia de Vilagarcía | Fonte: GC

Este 2024, e antes da chegada do Atlantic Fest, o Servizo Provincial de Costas do Estado e Tragsa comezaron cunha nova rexeneración coa que prevén erradicar esta planta. A inversión elévase a medio millón de euros. Prevese que a intervención dure 5 meses, é dicir, toda a época estival, polo que non se remataría antes da chegada do festival, pero dende o Concello garantizan que a zona onde se instalaría o evento si estaría rematada. A intervención como tal consistirá en decapar a parte máis superficial da cobertura da praia, en concreto os seus primeiros 30 centímetros, que é onde medra o abroxo.

Tragsa cavará, de xeito paralelo, zanxas transversais de dous metros e medio de profundidade. De acordo coas catas previas que se practicaron no terreo, é a esa profundidade onde se atopa a area de maior calidade da praia, anterior ao aporte que se lle fixo aló polo 2008. Así que, fundamentalmente, o que se fará é invertir a súa posición: a terra extraída será soterrada logo co abroxo, despois dun convinte rego con auga de mar para a súa esterilización, ao mesmo tempo que a area boa pasará a ocupar a superficie no seu lugar.

O cadillo atópase no medio de moitas outras especies espalladas pola praia
O cadillo atópase no medio de moitas outras especies espalladas pola praia | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta