Galicia rexistra a terceira maior baixada do paro entre comunidades en maio

Rueda destaca que son os mellores datos nos últimos 28 anos mentres que a CIG critica a temporalidade e UGT e CC.OO. insisten na necesidade de atallar "problemas estruturais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2024 | Actualizada ás 11:06

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en Galicia en 4.298 persoas en maio respecto de abril, o que supón un descenso do 3,4%, superior ao da media do país (2,2%). Por comunidades, supón a terceira maior baixada do paro en cifras relativas, só por detrás de Baleares (-5,25%) e Castela e León (-3,57%).

Con esta caída, o número de galegos desempregados sitúase en 122.036, que son 12.398 menos que hai un ano (-9,22%), superior á do conxunto de España (-4,79%), segundo datos publicados este martes polo Ministerio de Traballo e Economía Social.

Os parados en España baixaron en 58.650 persoas en maio en relación ao mes anterior, o que se traduce un descenso do 2,2%. Tras o retroceso de maio, impulsado sobre todo polo sector servizos, o número total de desempregados situouse en 2.607.850 parados, a súa cifra máis baixa nun mes de maio desde 2008, subliñou o Ministerio.

Cartel dunha oficina do SEPE /Alejandro Martínez Vélez   / Europa Press
Cartel dunha oficina do SEPE /Alejandro Martínez Vélez / Europa Press

Por sexos, a comunidade galega conta con 71.200 mulleres desempregadas e 50.836 homes. Os desempregados menores de 25 anos son 4.605 en Galicia. No tocante a provincias, o desemprego anotouse a súa maior diminución en Lugo con 460 desempregados menos (-3,82%) e un total de 11.588, seguida de: Pontevedra, con 1.798 persoas menos (-3,65%) e un total de 47.406; A Coruña, con 1.632 menos (-3,26%) e un total de 48.497; e Ourense, con 408 menos (-2,73%) e un total 14.545.

BAIXADA EN TODOS Os SECTORES

Por actividades hai un retroceso xeneralizado: 3.221 persoas menos no sector servizos, cun total 86.755; industria (406 menos e un total de 12.042); construción (264 menos e un total 8.180) e agricultura (169 menos e un total de 3.872). Os de colectivo sen emprego anterior son 238 menos e quedan en 11.187.

Pola súa banda, o paro afecta a 10.355 estranxeiros, 301 menos que o mes anterior (-2,8%) e 109 menos que un ano antes (-1%). Do total, 7.463 eran extracomunitarios e 2.892 comunitarios.

En canto aos demandantes de emprego, son 197.594, deles 35.409 ocupados e 133.351 sen ocupación, estes últimos son 4.310 menos (-3,13%) que un ano antes e 12.407 menos que un ano antes (-8,5%).

CAE A CONTRATACIÓN INDEFINIDA

No que se refire a contratación, a comunidade galega anotouse 60.273 firmas en maio, 3.818 máis que en abril (6,7%), pero 3.142 menos que hai un ano (-4,9%). A distribución foi de 18.777 contratos indefinidos, 223 menos (-1,17%) que en abril, o que supón 2.202 menos que hai un ano (-10,5%).

En cambio, os contratos temporais dispáranse un 10,8% e alcanzan os 41.496 en maio en comparación co anterior mes, aínda que retroceden en 940 (-2,22%) en comparativa interanual. No acumulado do ano, os contratos realizados en Galicia son 269.071, a maioría temporais (177.396, o 65,9% do total), mentres que os indefinidos só son o 34,1% (91.675).

PRESTACIÓNS

Por último, as prestacións --cun mes de atraso sempre con respecto aos datos do paro, é dicir, as correspondentes a abril-- supuxeron un gasto de 82,1 millóns. A contía media de prestación é de 945,3 euros. Os beneficiarios de prestacións por desemprego son 82.164 na comunidade. Foi un mes no que se produciron 30.431 solicitudes e 28.755 altas, cun prazo de recoñecemento de 0,65 días.

VALORACIÓN DO CONSELLEIRO, JOSÉ GONZÁLEZ

O conselleiro de Emprego, José González, destaca que Galicia alcanzou en maio o dato máis baixo de desemprego desde que hai rexistros (ano 1996), con 122.036 persoas. En declaracións remitidas aos medios este martes, o conselleiro subliña que é a primeira vez en 28 anos que baixa de 123.000 persoas. Valora a baixada tanto intermensual como interanual, así como nos catros provincias, o sete cidades e todos os sectores.

RUEDA

Tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou que as últimas cifras de desemprego son "as mellores nos últimos 28 anos", momento desde que hai "datos fiables de medición". "Son as mellores que nunca tivo Galicia", proclamou, convencido de que "moitas das contratacións" están ligadas coa preparación dunha tempada turística que --augurou-- "vai ser moi boa".


O presidente galego destacou que as cifras son positivas para Galicia no "comparado" por comunidades, pero tamén "moi boas" no que respecta tanto á evolución mensual como á anual, e se se analiza a media estatal.

SINDICATOS

Pola súa banda, a CIG alerta dun repunte da temporalidade no mes de maio en Galicia, no que considera "unha tendencia moi negativa" sobre a calidade do emprego, "ata o punto de que case o 80% das novas afiliacións á Seguridade Social rexistradas no mes de maio foron mediante contratos fixos descontinuos ou temporais".

En cambio, UGT observa que os datos de paro e afiliacións á Seguridade Social "mostran unha evolución positiva do mercado laboral", pois considera que "a reforma laboral segue xerando emprego estable e de calidade", aínda que cre necesario "atallar problemas estruturais". Igualmente, CC.OO. considera "positivos" os datos de maio, a pesar de que "non conseguen alcanzar os máximos históricos de emprego previos á crise económica do 2008".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta