Rubén Río, educador físico-deportivo: "A operación bikini, unha boa excusa para transformar un estilo de vida"

Expón catro erros habituais á hora de comezar co exercicio físico que non se deben cometer.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 18/06/2024 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Iniciado xa o mes de xuño, comeza a conta atrás agardando que chegue o bo tempo para ir á praia e sacar polvo aos traxes de baño. Porén, isto da "operación bikini" pode resultar verdadeiramente complicado cando non se está a gusto co estado físico ou se quere entrar nun canon de beleza establecido. Rubén Río, educador físico-deportivo, colexiado do COLEF Galicia, número 57.673, define a "operación bikini" como ese momento do ano no que á xente lle entra présa por poñerse en forma. O idóneo, destaca, sería comeza a realizar exercicio físico de maneira permanente e non cun fin puntual, pero que para chegar en forma o idóneo é "con marxe de tempo, no inverno". Desta maneira, poderianse facer as cousas ben e sen riscos, aínda que isto da operación bikini, xeralmente, se realiza por acadar unha apariencia física. "É certo que a xente comeza así, pero logo ao verse e sentirse mellor física e mentalmente, hai un cambio de chip. O que comezou buscando unha mera melloría física na operación bikini, transfórmase nun cambio de estilo de vida", afirma Rubén. 

Rubén Río
Rubén Río | Fonte: Cedida

Nos inicios, o máis complicado sempre é a constancia e disciplina. "A vida dá moitas voltas e se non tes un compromiso con alguén, como un adestrador persoal, é máis doado deixalo. Hai que ter fixados uns días á semana para adestrar e moverte", comenta. Ao final, se non se consegue interiorizar un hábito, calquera cuestión que poida xurdir no día a día pode supór un motivo de peso para non facer exercicio. Por iso, recomenda fixarse obxectivos sinxelos e que se poidan soster no tempo para non deixarse levar pola "pereza, desmotivación" que conleva ao abandono. Hai que facer por non quedar non intento. 

COUSAS QUE NON SE DEBEN FACER

Cando se comeza cun adestramento, sen asesoramento dun profesional, é común caer en cometer distintos erros. Isto acentúase cando se quere iniciar unha operación bikini á que hai que chegar a todo correr. Rubén sinala: "Non se deben facer alimentacións moi restrictivas, de feito, sempre recomendo consultar á nutricionista para non cometer loucuras, neste sentido". Que non se pense que por comer pouco, se vai perder máis graxa: "Cando fas un bagaxe enerxético erróneo estás comprometendo masa magra do teu organismo, é dicir masa muscular, e canta máis perdes, máis difícil será perder graxa porque os hornos metabólicos están na musculatura, onde transformamos a graxa en enerxía para movernos.

De igual forma, destaca que "menos é máis" á hora de adestrar e que moitas veces se pensa que correr dúas horas e facer dúas horas de bicicleta, é beneficioso. Así, o "sobreadestramento xera lesións e non permite levar a cabo o plan para pórse en forma", debe ser de xeito progresivo e incrementando a intensidade da actividade. 

O educador físico-deportivo tamén incide en que a xente tende a crer que a mellor forma de perder graxa é facer cardio durante longo tempo, iso é un erro, porque "o cardio é un complemento máis á hora de perder texido adiposo, graxa, pero é clave e fundamental que a xente traballe con carga, facer pesas". Desta maneira, fortalécese a musculatura e será máis doado queimar graxa. Entón prioriza o traballo con cargas fronte ao traballo cardiovascular. Sería outro erro, non descansar ben porque repara o organismo e fai que funcione moito mellor. Apunta a que hai unha moda en internet de "non durmir para aproveitar moito do día", pero explica que ao durmir segregamos a "hormona do crecemento", encargada principal de reparar o noso organismo, funcións fisiolóxicas que "sen descansar ben, non progresan adecuadamente"

O ADESTRAMENTO PERSOAL COMBINADO COA BOA ALIMENTACIÓN

E cal é o primeiro paso para comezar a facer exercicio? Rubén como educador físico-deportivo e adestrador persoal expón que sempre realiza unha entrevista inicial, para coñecer patoloxías,lesións ou distintos datos, que poidan intervir no proceso de traballo. Posteriormente, establecer metas sinxelas cun adestramento idóneo de catro ou cinco días á semana de forza, "así o indica a ciencia". Porén, fai fincapé na importancia do diálogo coa persoa, se pode adestrar só un día con el e facer outras actividades na casa con "exercicios efectivos e sinxelos que se poden facer de xeito autónomo sen risco de lesión". Do que se trata é de que esa persoa instale na súa vida bos hábitos, aínda que "a ciencia diga unha cousa", cada persoa é un mundo. Por iso, o adestramento debe ser adaptado e crear adherencia na persoa, vontade para o adestramento, xa que "se a túa mente non está metida no tema, entra por unha orella e sae pola outra". A pesar de que hai certos traballos con mellores resultados, a clave está en facer aqueles que a persoa desfrute e sendo constantes, tamén se consiguen obxectivos. 

"A xente cando se lanza ao adestramento por primeira vez soe facer cousas sen sentido, cren que traballar moi forte é o mellor, o mellor é facelo con boa técnica e ir pouco a pouco, as prisas nunca foron boas en nada", afirma. Se conta con moito tempo, recoñece que lle gusta máis establecer rutinas de partes separadas do corpo, así, un día peito, costas, pernas... En cousas como a operación bikini, cando hai pouco tempo para adestrar e se quere queimar graxa, o idóneo sería o adestramento fullbody con toda a musculatura implicada na sesión. "Así conseguir elevar moito máis a EPOC, a demanda de osíxeno post adestramento, e queimar máis graxa", comenta. Para finalizar incide na importancia de combiar esta actividade física cunha boa alimentación polo que recomenda consultar a un profesional da nutrición. E sobre os prezos do adestramento persoal comenta: "A xente considera que un adestrador persoal sae caro, pero máis caro sae unha lesión. Entón, recomendo que aínda que sexa por un periodo curto de tempo, se contrate os servizos dun profesional cualificado para aprender a desenvolverse adecuadamente no ximnasio e logo facer a actividade físca de forma autónoma sen risco". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta