Denuncian a desatención do centro de saúde de Dodro por estar varios días cun só médico substituto a tempo parcial

Desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncian esta situación.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/06/2024 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

Desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, denuncian a situación do centro de saúde de Dodro: "Conta cunha dotación de dúas prazas de persoal médico. Ningunha das dúas estaba cuberta polos seus titulares e unha delas leva anos sen cubrir, atendida por persoal substituto". Afirman que o día 29 de maio, para os médicos de familia só estaba dispoñible unha cita presencial para o 7 de xuño entre ás 12:30 e ás 12:45 horas. O motivo é que só contaban cun médico substituto, cada día un distinto, nin sequera a xornada completa. Como consecuencia disto, aprazáronse as citas xa programadas e só se atenderon urxencias en horario de consulta. "É dicir, había un médico a media xornada para atender unha poboación de 2.675 habitantes", afirman. 

Centro de Saúde de Dodro
Centro de Saúde de Dodro | Fonte: Páxinas Galegas

Nesta liña, a Asociación sostén que, a día de hoxe, incorporouse un dos médicos titulares, que asumiu a totalidade do cupo de pacientes existente nun concello onde o 31% da poboación é maior de 64 anos, e no que existe un gran número de pacientes pluripatolóxicos e crónicos que non poden desprazarse ao Centro de Saúde e que precisan ser visitados a domicilio. O 4 de xuño, para este médico o primeiro día dispoñible para unha consulta presencial era o 17 de xuño, o que supón 12 días de demora.  

Esta situación "fai imposible o seguimento médico personalizado e de calidade para as persoa usuaria", non porque falte profesionalidade, senón porque "o persoal non coñece as circunstancias do paciente", algo claramente relevante nun concello envellecido e, polo tanto con tantas enfermidades crónicas.

Por último, sinalan: "Cando o cupo efectivo do SERGAS por médico de familia está arredor de 1.296 pacientes, o que xa é inabordable para que os profesionais poidan dar unha atención suficiente e de calidade dentro da súa xornada laboral, un único médico de familia para case 2.700 habitantes representa, na práctica, a suspensión da asistencia sanitaria de atención primaria para a metade da poboación de Dodro". Esixen da xerencia da área sanitaria de Compostela – A Barbanza, responsable directa de dotar dos recursos humanos necesarios os centros de saúde de toda a área, que poña fin a esta situación e se restableza o dereito ao acceso ao primeiro nivel da asistencia sanitaria en termos de igualdade efectiva e sen discriminación ningunha por razón de residencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta