Declaran un foco de enfermidade hemorráxica epizoótica nunha explotación bovina de Verín

A Xunta de Galicia notificou a detección do primeiro foco en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2024 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección do primeiro foco en Galicia de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) deste ano, tras ser confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, en Madrid. Segundo explican nun comunicado, este foco está localizado na comarca veterinaria de Verín.

Sinalan que a EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Por tanto, existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

En España, o fin do período libre do vector no actual período estacional foi o pasado 16 de abril, polo que se espera que ata a chegada das temperaturas frías, continúe nos próximos meses a detección de novos focos.

Remarcan que a única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta as persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite) destes animais.

AFECTACIÓN AO GANDO

Varias vacas leiteiras, da raza bovina frisoa, comen penso e cereais, nas instalacións dunha granxa
Varias vacas leiteiras, da raza bovina frisoa, comen penso e cereais, nas instalacións dunha granxa | Fonte: Isabel Infantes - Arquivo

Apuntan tamén que a EHE afecta especialmente a rumiantes silvestres, fundamentalmente cervos, tamén corzos e gamos. No gando doméstico, só o bovino resulta afectado coa aparición de síntomas nalgúns animais. O gando ovino pode tamén infectarse pero non aparece sintomatoloxía, mentres que o caprino non é sensible a esta enfermidade. Polo momento, non existe vacina nin tratamento curativo específica fronte ao virus da EHE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta