Luz verde a un proxecto piloto de 'coliving' para atraer nómades dixitais ao rural galego

Coa iniciativa 'coliving' crearase unha comunidade de 60 persoas vinculadas con áreas multidisciplinares: emprendedores sociais, educadores, nómades dixitais, deseñadores e ilustradores, arquitectos, programadores, analistas de datos, artesáns, enxeñeiros, escritores, músicos, actores, estudantes e veciños.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2024 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

O Goberno galego deu luz verde á firma dun convenio coa Asociación Cultural Sende para pór en marcha o proxecto piloto de 'coliving' Ficar, co fin de impulsar o emprendemento no rural, atraer traballadores de alta cualificación (nómades dixitais), fixar poboación e crear riqueza. Trátase da primeira actuación destas características que promove a Consellería de Emprego xunto con Sende, entidade que xestiona no concello ourensán de Lobeira o primeiro espazo 'coliving' de Europa e que conta con ampla experiencia neste ámbito.

Deste xeito, o Goberno galego avanza na súa aposta polo emprendemento no rural e na creación de comunidade na Galicia non urbana a través de espazos de experimentación para novos negocios ligados ao territorio e nos que os emprendedores poidan testar os seus produtos ou servizos. Unha aposta que foi recoñecida co premio á 'Rexión emprendedora europea 2025', polo labor de Galicia á hora de potenciar proxectos de vida que contribúan a fixar poboación nas catro provincias.

Con esta iniciativa piloto, crearase unha comunidade de 60 persoas vinculadas con áreas multidisciplinares, entre as que hai emprendedores sociais, educadores, nómades dixitais, deseñadores e ilustradores, arquitectos, programadores, analistas de datos, artesáns, enxeñeiros, escritores, músicos, actores, estudantes e veciños. A selección destas persoas realizarase a través dunha convocatoria á que se dará difusión a través dos polos de emprendemento, e para impulsar o sentido de comunidade empregarase a aplicación 'WhatsApp'.

Desas persoas que formarán a comunidade, 30 serán embaixadoras, é dicir, persoas ou familias emprendedoras que xa viven nas aldeas, pero necesitan unha comunidade e axuda para escalar o seu negocio desde o rural. Outras 30 persoas, segundo explicou o Goberno galego, serán do ámbito local e desempregadas que desexan emprender e vivir na súa aldea.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dirixe a reunión do Consello, o 17 de xuño de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dirixe a reunión do Consello, o 17 de xuño de 2024 | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta